Técnicos da cidade de Orán (Arxelia) coñecen o sistema de depuración e saneamento de Pontevedra

58

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsábel do Ciclo da auga, Raimundo González Carballo recibiron onte pola tarde na Alcaldía a un equipo de técnicos arxelinos da empresa pública que xestiona o ciclo da auga na cidade de Orán (1,6 millóns de habitantes), que están de visita en Galicia.

A súa estancia en Galicia obedece á asistencia técnica que Viaqua (empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento en Pontevedra) mantén coa empresa pública arxelina en materia de formación e de xestión de saneamento de augas.

O equipo directivo arxelino coñeceu de primeira man o sistema e modelo de xestión de saneamento de Pontevedra. Inspección das redes coa cámara GoPro; retubaxes co sistema packers; mantemento de pozos; limpeza de sumidoiros; o control das flotas ou o sistema Agis Mobile, ademais da visita ás instalacións de depuración de potabilización, foron algunhas das ferramentas e dependencias que coñeceron durante a súa estancia en Pontevedra, e tamén noutras vilas de Galicia, como Ourense e Santiago.