-
- É preciso desmontar o actual, feito de rebos, e facer un novo. Aproveitarase para retranquear o actual e gañar espazo para construír unha beirarrúa na rúa Monte do Taco.
- Estase traballando nas escaleiras e na rampla de acceso á parcela de 1.400 metros cadrados, que contará cunha senda interior, mobiliario urbano e axardinamento.
A recuperación e apertura do parque do Monte do Taco para os veciños de Pontevedra continúa a bo ritmo. Tal e como estaba previsto estase traballando para facer accesible á parcela dende a avenida de Marín.
Cabe lembrar que o proxecto arrancou coa roza e limpeza da parcela e o seu muro de peche, e contempla a instalación dunhas escaleiras, que están practicamente rematadas, e tamén dunha rampla que faga accesíbel a parcela. Ademais, crearase unha senda interior, instalarase mobiliario urbano e axardinarase.
Un dos traballos que quedaba pendente era a valoración, polos técnicos municipais, do muro de contención da parcela cara a rúa Monte do Taco. Logo da súa supervisión, constatouse que é un muro de rebos que non ofrece a consistencia necesaria, polo que será preciso desmontalo e construír un novo.
Aproveitando esta obra, farase unha intervención máis completa na zona. Desmontarase o muro, retranquearase, e no espazo sobrante construirase unha beirarrúa na rúa Monte do Taco. Os sobrantes de espazos públicos tamén se asfaltarán e acondicionará toda a zona, permitindo adecentar e mellorar a entrada da rúa Monte do Taco, na foz do río Gafos.
O proxecto que está en marcha ten un orzamento de 58.200 euros, e o retranqueo e construción do novo muro de 60.343,75 euros. Ambas actuacións as desenvolve a empresa E.C. Casas.
A recuperación do monte do Taco incorpora para a cidade un espazo verde de 1.400 metros cadrados, e está enmarcada dentro dun plan global do Concello para recuperar e abrir novos espazos verdes e públicos na cidade. Entre as parcelas que se poden incluír dentro do proxecto están as cedidas por Adif en Médico Ballina, Doce de Novembro e A Seca, a parcela do Burgo ou a Mollabao, sumando arredor de 27.000 metros cadrados.