Nace a nova praza da Cruz Vermella

688
    • Estará entre as rúas Cruz Vermella con Padre Gaite e Álvaro Cunqueiro, onde se atopa a sede da Cruz Vermella, o Pavillón Universitario e o centro escolar

Tal e como se fixo na Praza do Hospital hai poucos anos, un novo espazo público que hoxe ocupa unha rúa chea de coches aparcados será convertido nunha praza urbana para o convivio. Será o treito da rúa Cruz Vermella entre Padre Gaite e Álvaro Cunqueiro, un espazo gañado para a cidade que coa praza da Castaña se incorpora aos criterios de calidade habituais tras as reformas urbanas da capital. O proxecto foi presentado hoxe polo concelleiro de obras, Demetrio Gómez Xunqueira.

Nesta zona, na que conflúen a sede central da Cruz Vermella, o Pavillón Universitario e o centro escolar, gánase un amplo espazo de lecer, que se combina coa reforma das rúas Álvaro Cunqueiro, Salustiano Portela e un treito de Cruz Vermella, destinadas a tráfico de servizos. A nova circulación a motor formará un bucle ao que se accede desde Padre Amado Carballo ou Avd. de Bos Aires (por Sobrino Buhigas) e se sae por Salustiano Portela cara a Bos Aires, e tamén por Álvaro Cunqueiro cara a Santa Clara e de novo a Amado Carballo.

Un dos aspectos máis significativos deste plan é a desaparición dos voluminosos plátanos que hoxe ocupan o lateral do Pabillón Universitario, que se substitúen por 6 tilleiras, árbores máis acaídos para o lugar. No conxunto da obra quedan un total de 33 árbores, entre os que destacan os 9 magnolios que darán sombra á nova praza.

Precisamente este deseño vexetal condicionou bastante o deseño do alumado público, en especial os do novo espazo peonil, xa que houbo que realizar un traballo axeitado para que as novas farolas permitan un alumeado acaído do espazo unha vez que as árbores adquiran o seu porte.