Arranca en Pontevedra a primeira Mostra internacional de contidos de realidade virtual que se fai en Galicia

19

Coa apertura da Mostra Internacional de Realidade Virtual e Patrimonio, esta tarde no Museo de Pontevedra, inaugurouse oficialmente a segunda edición do TEK-FEST, Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que se celebra na cidade ata o 30 de setembro. Trátase da primeira mostra deste tipo que se celebra en territorio galego, cunha selección de 6 obras internacionais combinadas con contidos de realidade virtual feitos en Galicia.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías , xunto co concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña , Toño Cabanelas , director do TEK-FEST e o público presente no acto, foron os primeiros en gozar desta selección de contidos, que teñen en común estaren relacionados, dun xeito ou doutro, coa historia, a memoria e o patrimonio. Anabel Gulías destacou a aposta da cidade por acoller a «explosión de creatividade que vive esta cidade», mentres que Oubiña subliñou o vínculo entre tecnoloxía e patrimonio para atraer talento de fóra «e mellorar a vida dos cidadáns».

Entre os títulos que se poderán ver están “Notes on Blindness” (EEUU), que conta a experiencia, a partir de gravacións de audio feitas nos anos 80, dun home que experimenta o proceso da cegueira; “Fuerza imprevista” (México), unha viaxe á tradición musical, o baile e a arquitectura de México; “El tiempo en tus manos” (España), unha experiencia en VR creada a partir da serie de TVE “El ministerio del tiempo”; “Chernobyl VR Project” (Polonia), unha viaxe virtual á cidade ucraína asolada polo desaste nuclear; “Fragments” (Galicia), o primeiro fashion film feitio en 360º e estereoscopía, rodado na Illa de San Simón, ou o arquivo estereoscópico de fotografías antigas da Biblioteca Pública de Nova York.

No acto tamén intervíu Antonio Víctor García Serrano, “Zakato” , un dos mellores camarógrafos de realidade virtual a nivel internacional, que colaborou nas dúas obras españolas que se poden ver na Mostra, e que está a participar no TEK-FEST como mentor no taller de VR e patrimonio fotográfico.

Zakato sinalou que os traballos que se están a facer estes días no obradoiro, combinando fotos estereoscópicas antigas da cidade con panorámicas en 360º da cidade actual é «algo único que non se está a facer en ningún outro lugar do mundo». A partir do xoves á tardiña os visitantes poderán tamén ver algunhas destas pezas que se están a producir no taller de realidade virtual e patrimonio. Ese día ás 19h, no Museo de Pontevedra, haberá unha presentación pública destas pezas , co obxectivo de ensinarlles aos pontevedreses e aos visitantes a potencia e o valor do seu patrimonio fotográfico e as posibilidades que ofrece a realidade virtual para facelo visible en todo o mundo.

A Mostra permanecerá aberta ao público o martes, mércores, xoves e venres de 17h a 21h e o sábado de 11h a 14h e de 17h 1 21h. A entrada é gratuíta. O TEK-FEST continúa a súa programación ata o sábado 30 de setembro.

Máis información en https://tek-fest.com/