Bo ritmo na execución do último tramo da avenida de Vigo

40
    • O Concello traslada o Modelo Pontevedra ao primeiro tramo da rúa da Seca e axardinará a parcela ao carón do Camiño Vello de Castela para goce de toda a cidade
    • Demetrio Gómez anuncia unha reunión o vindeiro mércores para incluír Lepanto dentro do novo ciclo de proxectos de obras.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez visitaron esta mañá a reurbanización do último treito da avenida de Vigo, entre a rúa Luís Seoane e o entronque coa rotonda do Nó do Pino. Puideron comprobar o bo ritmo de execución da obra, que poderá estar rematada a finais de outubro, no prazo dos tres meses fixados pola adxudicación.

O alcalde destacou que con esta obra “se incorpora a avenida de Vigo ao modelo Pontevedra, con estándares de alta calidade urbana, mellora dos espazos peonís, carril único de saída (e outros dous de entrada pola avenida Josefina Arruti), sen barreiras e accesibilidade universal”.

Recoñeceu estar “satisfeito” con este proxecto que executa a empresa Covsa por 236.782,13 euros (o orzamento de licitación era de 274.895 euros) e que supón a creación de beirarrúas cun mínimo de 3 metros; un carril de circulación; estacionamento en liña a ambos lados da rúa; arborado na marxe dereita da rúa; recuar o alumeado existente (xa renovado con anterioridade) e completar os farois que faltan; refacer toda a rede de sumidoiros.

A actuación vese reforzada por outras melloras que xa se teñen realizado nesta rúa como a mellora da accesibilidade e o calmado de tráfico, que se manterán.

Asemblea na Seca

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou, pola súa banda, que el e o concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, mantiveron onte un encontro con veciños da rúa da Seca para presentarlles as melloras do proxecto que o Concello executará na zona.

Demetrio Gómez explicou que a reunión de onte na Seca enmárcase dentro do novo ciclo de proxección de obras que ten aberto o Concello, e para o que necesita a opinión das federacións deveciños, asociacións, entidades…

Na primeira reunión que se fixera na rúa da Seca para presentar a remodelación do cruzamento de Pai Fernando Olmedo, Casimiro Gómez, A Seca e Camiño Vello de Castela, os veciños fixeran unhas suxestións que logo de ser estudadas e tratadas no Concello, puidéronse expoñer onte.

Trátase da extensión do modelo Pontevedra ao primeiro tramo da rúa da Seca na que se ampliarán as beirarrúas e reducirase a vía de circulación a un só carril, con unha parte para estacionamento de servizos (os veciños asistentes á reunión pediron expresamente que non querían estacionamentos libres).

Tamén presentaron o axardinamento da parcela situada ao carón do CGTD co que se pretende recuperar oespazo verde a cargo da contrata de xardíns. Nesta parcela a Concellaría de Parques pretende crear un espazo que sexa moi empregado por todos os pontevedreses, no que poida pisar a herba, gabear as árbores (cando estean crecidas)… en fin, que gocen da zona verde e xoguen nela.

Disporá desete especies distintas de árbores e grandes arbustos que proporcionarán cor durante todo o ano e serán de folla perenne; un sendeiro central, unha fonte e bancos. Tamén estará ben iluminado no centro.

Neste momento, a Concellaría xa ten a terra coa que fará diferentes alturas na parcela, para comezar a traballar nela.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez confía en que as obras poidan estar rematadas antes de final

 de ano.

 

 

 

 

 

Rúa Lepanto

Dentro do proceso de concreción de proxectos para un novo ciclo de obras, o concelleiro Demetrio Gómez anunciou que a vindeira semana, o mércores pola tarde, manterá unha reunión na rúa Lepanto para coñecer cales son as demandas dos veciños sobre esta rúa. Aínda que non pode concretar o momento enque se poderá executar a reforma, si adiantou que estará dentro da carteira de obras do vindeiro ciclo, que haberá que programar debidamente polos servizos técnicos municipais “para aproveitar todos os euros dos pontevedreses”.