Arranca o Plan de calmado de tráfico de Mourente polo lugar dos Areás

103
    • Está previsto instalar máis de 50 redutores de velocidade nas vías municipais, facendo un itinerario peonil seguro dende o punto máis lonxe da parroquia até a cidade.
    • O lugar de Cons terá un tratamento específico

O Concello iniciou esta semana o plan de calmado de tráfico da parroquia de Mourente, un proxecto que contempla a instalación de máis 50 redutores de velocidade en distintas vías municipais da parroquia que non foron tratadas. A intervención ten un custe de 134.301,88 euros (o orzamento de licitación foi de 150.000 euros) e os traballos comezaron polo lugar dos Areás cara O Monte.

O obxectivo deste plan é mellorar a mobilidade peonil e ciclista en Mourente, e facer máis segura a vida dos veciños. Por iso, crearanse espazos seguros e itinerarios peonís, de tal xeito que calquera persoa poida ir camiñando de Eirós (a parte máis lonxe da cidade) a Valdecorvos (a máis próxima) con seguridade.

Outro dos propósitos do proxecto é continuar a trasladar os estándares de calidade urbana da cidade ás parroquias, xa que con estas intervencións quedará claramente diferenciada as rúas das estradas, que é unha das problemáticas do rural.

Instalaranse ben lombos, ben pasos de asno, seguindo moitas peticións presentadas polos veciños dos lugares para reducir a velocidade nestas vías, e seguindo os criterios técnicos.

No ámbito do Local social de Cons, farase un tratamento específico. Instalaranse dous lombos moi próximos, dada a petición dos veciños de facer máis segura toda a zona.

Fóra do proxecto queda o ámbito do colexio de Vilaverde ou do Hospital Montecelo, que terán proxectos propios.

Este Plan de calmado de tráfico complementa outras actuacións xa realizadas na parroquia como a urbanización do lugar dos Campos por máis de 200.000 euros, os accesos ao Mercantil no lugar de Cons e do Pazo por máis de 120.000 euros; así como as medidas instaladas na avenida de Lugo ou en Santa Margarida.