Pontevedra, citada como exemplo da Declaración Universal dos Dereitos Urbanos

18
    • A profesora xienénse Yolanda de la Fuente destaca o cambio pontevedrés como un exemplo de espazo ecosocial

Facer cidades distintas, alternativas, “socialmente sustentables” (como as chaman aquí) é posible. Así o dixo hoxe a concelleira de Cultura e Muller de Pontevedra, Carme Fouces, no XIII Congreso Estatal e I Iberoamericano que ten lugar na cidade de Mérida, en Extremadura e no que se reivindicou a Declaración Universal dos Dereitos Urbanos, que conectou coa aspiración pontevedresa a reivindicar o dereito ao espazo público ao mesmo nivel que os servizos sanitarios ou educativos.

Carme Fouces participaba nunha mesa de debate con duas profesoras, Helena Belchior, da Universidade de Lisboa, e Yolanda de la Fuente, da de Jaén, quen dixo ao presentar a Fouces que Pontevedra era a plasmación práctica das teorías que o francés Henri Lefebvre expón no seu libro “O dereito á cidade”.

Poñer a persoa no centro da política urbana e poder “volver a vivir ben” nas cidades foi o desexo é a aspiración das novas maneiras de construir a cidade, que ademáis se relacionan cos obxectivos do desenvolvemento sustentable cara ao 2030 fixados pola ONU e que Pontevedra xa ten avanzados grazas á súa política de situar ás persoas no cumio das prioridades.

Unha das liñas de exposición de Fouces referíase ás cidades como Pontevedra antes da reforma urbana. “As cidades fóron planificadas con criterios de home branco, heterosexual e con traballo, e fóron resultando espazos deficientemente resoltos en canto ao coidado das persoas que non responden a ese prototipo. O espazo público é o que determina a calidade urbana, e dun espazo público ben tratado e desenvolvido, derívanse cuestións como a vitalidade social, a harmonía con entorno, a seguridade pública, a cohesión e inclusión sociais, o respecto ao medio, a memoria histórica, a salubridade, a vida activa, etc”

En vez de tentar resolver os problemas do tráfico a motor, substituímos ese propósito por outro máis positivo: aumentar a calidade urbana dando ás persoas a importancia que merecen e reducindo o número de coches, dixo Fouces antes de realizar un repaso pormenorizado das características da reforma urbana pontevedresa.

Tamén se referiu a outras reformas importantes, como o valor estratéxico que no novo modelo se lle deu ás festas e á animación de rúas, ás conexións da cidade co seu contorno natural a través de sendas peonís, e sobre todo, os esforzos por conseguir “un espazo público que se volveu igualitario e feminista, mitigando os privilexios de clase e machistas que trouxo consigo a cultura do automóbil, moi relacionada con significantes de poder e categoría social”.

O turno de preguntas dos máis de 20 asistentes foi —como ven sendo costume— monopolizado polo interés que suscita a transformación da cidade. Neste caso iniciouse coa sorpresiva testemuña dunha participante no Congreso que coñeceu Pontevedra como turista e quedou admirada, pero ata este momento non tivera ocasión de preguntar a ninguén polo proceso seguido. “Duro pero decidido, apoiado na participación social e pouco atento aos grupos de poder que a través dos medios defenden privilexios”, respondeu Fouces.

Os costos do proceso tamén interesaron aos espectadores, ao que a concelleira explicou que non se tiñan realizado investimentos especiais, que todo era cuestión de concepto: “O que se invirte ordinariamente nunha cidade, pode invertirse seguindo unha inercia determinada, ou pode mudar a perspectiva e invertilo para conseguir os obxectivos de cambio que perseguíamos para aumentar a calidade urbana”.

Unha das fases máis aplaudidas da intervención foi a que, respondendo a outra pregunta, Fouces explicou que tras conquistar de novo a rúa, os nenos e nenas volvían a xogar nela, e en ningún lugar se prohibe, porque o espazo público é de todos e todas e todos teñen que disfrutalo en harmonía.