O Puntazo enfronta a recta final do ano con actividades centradas no turismo e o marketing

35
  • Roteiro especial Cunca e Nécora, mañá venres 3 de novembro, dirixido ás empresas do Puntazo
  •  O xestor cultural Víctor Flores dará unha palestra o vindeiro 17 de novembro na Casa da Luz

Pontevedra ten un Puntazo enfronta a recta final da súa programación anual con varias actividades centradas no turismo e o marketing para as industrias culturais, segundo adiantou hoxe a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías. Falamos, sinalou a concelleira, dun roteiro especial Cunca e Nécora para as empresas que forman parte do Puntazo, unha palestra do xestor cultural Víctor Flores e “unha traca final” – en fase de definición- vencellada ao mundo da moda e coordinada por Lola Dopico.

A empresa pontevedresa Turiña, xurdida en 2016 da man das actrices Cora e Rocío, organiza mañá venres 3 de novembro un roteiro especial Cunca e Nécora para as empresas forman parte do Puntazo. Trátase dunha visita guiada para adultos na que se coñece a cara máis descoñecida da cidade mentres que os asistentes poden degustar viños e pinchos nos establecementos máis senlleiros e especiais de Pontevedra. Ademais de gozar da cidade e da gastronomía, os participantes poderán coñecer de primeira man o traballo destas dúas emprendedoras locais que veñen desenvolvendo numerosas accións no ámbito turístico e cultural. As prazas son limitadas e as empresas interesadas deberán inscribirse no enderezo electrónico pontevedratenunpuntazo@pontevedra.eu

Pero non só de alimentar o corpo vai a cousa. O venres, 17 de novembro, a Casa da Luz acollerá ás 20.00 horas unha palestra do xestor cultural Víctor Flores, que se centrará no desenvolvemento de estratexias de marketing no ámbito das industrias culturais. Fará un mapeado da situación das industrias culturais en España, con especial atención ás novas correntes e manifestacións adicadas ás audiencias máis mozas, seguidoras da música e os festivais musicais, e amosará exemplos de proxectos orixinais dentro do campo dos eventos, activacións innovadoras de marcas, co-creación de contidos e formas de abordar o patrocinio de proxectos culturais.

Víctor Flores é na actualidade un dos profesionais máis relevantes na xestión cultural no ámbito nacional. É ademais programador cultural e profesor titular do Máster en Dirección de Protocolo, Producción, Organización e Deseño de Eventos da Universidade Camilo José Cela. Desenvolveu parte da súa carreira profesional como director de Marketing Cultural de Red Bull España, ademais de ser músico e Dj e de ser co-fundador do Sinsal, un dos festivais musicais máis importantes do panorama alternativo español. Ao finalizar a masterclass, haberá un Dj set onde participarán varios artistas relacionados co selo pontevedrés Certain Music e propio Víctor Flores.