O Congreso Nacional de Medio Ambiente escoita a aposta de Pontevedra pola mobilidade peonil

27

    • A cidade estivo presente neste foro promovido polo Colexio de Físicos de Valencia e o Ministerio de Medio Ambiente, a través do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

O Concello de Pontevedra estivo presente esta mañá no Congreso Conama Local (Congreso Nacional de Medio Ambiente) na cidade de Valencia, da man do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez que falou da recuperación peonil da cidade.

Pontevedra participou nunha mesa que levaba por título “Accións e actuacións no espazo público para o cambio de hábitos e a transformación da cidade” xunto ao Concello de Barcelona, o de Murcia e axencia GEA 21. O obxectivo era dar a coñecer as medidas que se estaban realizando en distintos concellos para reconfigurar a mobilidade.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez expuxo o modelo de Pontevedra, un modelo integral centrado na redución do vehículo privado e a recuperación dos espazos públicos para os peóns. Especial interese tivo entre o público asistente como se conseguiu cambiar os hábitos en Pontevedra para “aparcar” o vehículo privado e empregar a mobilidade sostible. Demetrio Gómez explicou a decidida aposta política por aplicar o modelo e a permanente colaboración que o Goberno atopou na maioría dos veciños de Pontevedra.

Conama é unha organización estatal que promove o intercambio do coñecemento a favor do desenvolvemento sustentable. Foi creada polo Colexio Oficial de Físicos, co apoio do Ministerio de Medio Ambiente, para encargarse da organización do Congreso Nacional do Medio Ambiente, encontro bienal que se celebra dende o ano 1992, e das que colle as siglas.