Os servizos municipais de emerxencia en alerta polo anuncio de temporal de vento e chuvia

92
    • Está previsto un fenómeno atmosférico adverso, especialmente intenso na tarde/noite do sábado polo que se suspenden todas as actividades deportivas ao aire libre nesas horas.
    • Forman parte deste dispositivo de emerxencia: Policía, Bombeiros, Protección Civil, servizos técnicos e operativos do Concello, empresas concesionarias e empresas colaboradoras.

O Concello de Pontevedra ten activado o dispositivo de emerxencia ante a previsión de chegada de fortes ventos e chuvias na tarde/noite do sábado, que afectarán a toda Galiza, especialmente, ás Rías Baixas. Neste fenómeno adverso, a alerta por vento está fixada en nivel laranxa mentres que, polo de agora, o de chuvia está en nivel amarelo.

Ante esta situación, todos os servizos de emerxencia do Concello (Policía, Bombeiros e Protección Civil) están en situación de alerta, así como diversos servizos municipais técnicos e de apoio, as empresas concesionarias (do servizo de augas, xardíns e limpeza), ademais de empresas colaboradoras co Concello para dispor de certa maquinaria pesada que poida resultar necesaria para algunha intervención. Todos estes equipos están baixo a coordinación da Concellaría de Protección Cidadá, que xestiona a tenente de alcalde Carme da Silva.

Ademais, o Concello tamén acordou suspender todas as actividades deportivas ao aire libre na tarde/noite do sábado ante a previsión destes fortes ventos que poden chegar aos 120km/h, acompañados de chuvia. Sobre a actividade do domingo tomarase unha decisión nas vindeiras horas, en función da evolución do fenómeno meteorolóxico.

De todos os xeitos, a Concellaría de Protección Cidadá fai as seguintes recomendacións para evitar, na medida do posible, danos persoais e materiais:

    • Evitar camiñar polas rúas, especialmente preto das fachadas por perigo de caída de obxectos (tellas, lousas, etc.)
    • Retirar das fiestras obxectos susceptibles de caer á rúa (macetas…)
    • Suxeitar ben fiestras e portas
    • Chamar ao 092 no caso de sufrir algún accidente relativo ao temporal