O Concello asume parte de Rosalía de Castro para reformala

94
  • A Xunta comunicoulle ao Concello que cederá a vía até o paso do ferrocarril.
  • A Deputación informou verbalmente que participará economicamente no proxecto.
  • Está pendente a contestación de Costas para poder construír unha vía que una Rosalía de Castro coa avenida de Marín.

 O Concello de Pontevedra recibiu nesta semana o acordo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de cambio de titularidade da rúa Rosalía de Castro até Mollavao, un dos pasos necesarios do Concello para poder actuar e remodelar a rúa. A finais do pasado ano, o Concello remitiu á Xunta, Deputación e Costas escritos reclamando diversas peticións para poder materializar aquel proxecto: cesión de parte da rúa á Xunta, cesión de parte dos terreos de Costas (o actual estacionamento ao aire libre) para construír unha vía que una Rosalía de Castro coa avenida de Marín, e a implicación económica e urbanística da Deputación no proxecto.

O acordo da Xunta explica que a transferencia será até o paso superior do ferrocarril Pontevedra-Poio, corenta metros máis dos que solicitaba o Concello. Outra opción é a transferencia total da vía, que descartou esta mañá o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera até que a Xunta de Galicia non faga un investimento de urbanización da estrada “que está en moi malas condicións”.

O concelleiro recoñeceu que a situación actual da rúa Rosalía de Castro é manifestamente mellorable, e que se vai a aceptar esa cesión parcial que acaba de comunicar a Xunta.

Este acordo supón avanzar na parte administrativa previa ao proxecto, e agora está pendente da resolución de Costas, dado que a Deputación xa trasladou verbalmente ao Concello a decisión de participar no convenio para a facer o proxecto e darlle o amparo legal do Plan de estradas provincial, a ferramenta legal e urbanística que lle imprimiría ritmo a esta ambiciosa reforma que propón o Goberno local.

Ao respecto da solicitude presentada ante Costas, o concelleiro aclarou que neste momento existen dúas peticións municipais polos mesmos terreos: a primeira feita sobre o ano 2008, a instancias da Xunta de Galicia, para instalar un tanque de tormentas que nunca se chegou a executar, e a actual petición de cesión dos terreos para construír a nova vía que una Rosalía de Castro coa avenida de Marín, e que permitirá deixar Rosalía de Castro cun único sentido de circulación.

César Mosquera aclarou que o Concello desistirá da primeira petición, e continuará adiante coa segunda para poder materializar o proxecto.

Contestación Xunta de Galicia