Remitido á Xunta o primeiro informe do convenio das vivendas de Defensa en Campolongo e Rosalía de Castro

15

    • Medio Ambiente e Urbanismo teñen que volver a informar da modificación do Plan Xeral (que no ano 2010 era favorable) para abrir a cidade en Manuel del Palacio e Rosalía de Castro, e tamén en Xeneral Rubín e Tablada, ademais de obter un novo local municipal.

O Concello de Pontevedra acordou esta mañá enviar á Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente, o primeiro informe urbanístico municipal sobre o convenio das parcelas militares no barrio de Campolongo e Rosalía de Castro. A Comisión de Urbanismo coñeceu esta mañá este primeiro trámite que activa o convenio do Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), logo de dez anos previos de tramitación e parado polos sucesivos cambios estruturais e de denominación do INVIED, así como dos sucesivos cambios técnicos e de responsables deste Instituto.

No ano 2010, o convenio xa tiña nos informes favorables da Xunta de Galicia, que agora hai que volver a obter. Esa tramitación comezou, de novo, estas semanas coa presentación no Concello do borrador de convenio e un anteproxecto de reforma do Plan Xeral que precisará, polo tanto, a aprobación de Medio Ambiente e de Urbanismo da Xunta.

Os acordos do convenio mantéñense, substancialmente, nos mesmos termos que os negociados hai dez anos.

Na parcela de Campolongo (entre Fernández Ladreda e Xeneral Rubín) serían os seguintes:

    • A modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del.
    • Completar a rúa Tablada dándolle as aliñacións fixadas no Plan e dándolle saída cara María Victoria Moreno.
    • A cesión de dúas vivendas e un local ao Concello e a súa conexión para convertelo nun local municipal.
    • A apertura a uso público o viario, as zonas verdes e os espazos libres existentes neste complexo residencial.

No ámbito de Mollavao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto:

    • A creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio.
    • Permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio que permitirá rematar o rueiro tapando unha medianeira que xera a última edificación de Rosalía de Castro.
    • Recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo, de aproximadamente, 116,37 metros cadrados, ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindante.

Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, prevese no convenio un investimento de arredor 750.000 euros por parte de Defensa a executar con anterioridade a que o Concello reciba e abra ao público as novas vías, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.