“Día de Playa” de Adriana Carlos-Mitchell Lorberau (México) gaña o concurso Experimenta Pontevedra

283
  • A instalación formará parte da mostra de arquitectura efémera do I Festival de Deseño Urbano de Pontevedra, que terá lugar na Boa Vila do 21 ao 24 de xuño
  • O xurado outorga dúas mencións a: “A estrada das peneiras” de María Dolores Hernáez e colaboradores (Madrid) e a “Laberinto” do Estudio ACA, Alfonso Cort (Madrid)
  • Tres estudos e autores traballan nas obras que completarán a exposición: un de ámbito local (Xoán Anleu), outro estatal (CUAC Arquitectura) e outro internacional (Diogo Aguiar)


O xurado do concurso Experimenta Pontevedra elixiu, por unanimidade, o proxecto “Día de Playa” de Adriana Carlos & Mitchell Lorberau (México). A instalación formará parte da exposición de arquitectura efémera enmarcada no que será o I Festival de Deseño Urbano- Experimenta Pontevedra que terá lugar na Boa Vila do 21 ao 24 de xuño, promovido pola Concellería de Promoción da Cidade.

O xurado, reunido hoxe na Sala de Comisións do Concello, valorou os 17 proxectos presentados. Ademais de elixir a instalación gañadora outorgó dúas mencións as propostas “A estrada das peneiras” de María Dolores Hernáez e colaboradores (Madrid) e “Laberinto” do Estudio ACA, Alfonso Cort (Madrid).

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presidiu o xurado, integrado polo arquitecto municipal, un representante do estudo de arquitectura Castro Ferro, outro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e os comisarios de Experimenta Pontevedra: Javier Peña, José Santos e José Carlos Mera.

Entre os proxectos presentados ao concurso había tres proxectos locais, outros chegados de distintos puntos de Galiza (Santiago, A Coruña, Ourense..), do resto do Estado (Madrid, Valencia, Ponferrada) e un, o que resultou galador, chegado doutro lado do Atlántico.

O proxecto “Día de Playa” instalarase na praza de Ourense tocando coa rúa Benito Corbal o tempo que dure o Festival de Deseño Urbano. A mostra de arquitectura efémera Experimenta Pontevedra terá, ademais da gañadora do concurso, outras tres que están

en proceso de creación: a encargada a un despacho de arquitectura-urbanismo local que está en mans de Xoán Anleu e estará na praza de Santa María; a encargada a un equipo

de ámbito estatal está en mans de CUAC Arquitectura, un estudo de Granada que poderase ver fronte ao Mercado e unha última encargada a un equipo internacional, nesta primeira edición de Portugal, está en proceso da man do despacho de Diogo Aguiar de Oporto e instalarase na praza do Hospital.

Ser unha porta a crear na cidade un espazo de reflexión, a través de instalacións efémeras é un dos obxectivos de Experimenta Pontevedra, o novo Festival de Deseño Urbano que se vai a desenvolver do 21 ao 24 de xuño na Boa Vila promovida pola Concellería de Promoción da Cidade. Catro instalacións creadas “ad hoc” – unha delas xurdida dun concurso- convidarán a interacción da poboación e a posta en valor dos espazos públicos.

Experimenta Pontevedra nace para visibilizar a transformación urbana vivida nos últimos 15 anos, promover a difusión da imaxe do modelo Pontevedra e intervir no espazo público cunha instalación efémera que convide ao diálogo e á reflexión.

Máis información. www.experimentapontevedra.com

DiaDePlaya_1-web

DiaDePlaya_2-web