Covsa executará a reforma de Cruz Vermella

98
    • A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da obra por un valor de 1,1 millóns de euros e un prazo de execuciónd e 10 meses.
    • A empresa tamén fará como melloras a reforma de Padre Gaite e a da praza da Castaña.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Covsa da urbanización da rúa Cruz Vermella por un valor de 1.186.284 euros. O prazo de execución da reforma será de 10 meses incluíndo as melloras da beirarrúa de Padre Gaite (93.229,61 euros) e a reurbanización da praza da Castaña (61.229,64 euros).

A Cruz Vermella é a rúa principal deste populoso barrio, na que é imprescindíbel gañar espazos de convivencia. Ademais, neste ámbito hai bastantes negocios e varios espazos de características singulares como a escola, o pavillón de deportes e o Centro de Día da Cruz Vermella.

Aínda que se fala da reforma de Cruz Vermella, en realidade o que se proxecta son catro actuacións:

    • A rúa da Cruz Vermella máis a de Álvaro Cunqueiro na que se empatará a actuación coa obra xa feita. Gáñase espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordénase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularízase o mobiliario urbano. O tráfico a motor terá saída por Salustiano Portela Pazos, cara a avenida de Bos Aires.
    • Rúa Salustiano Portela Pazos: Queda en dirección saída do barrio e cambiáselle de lado o aparcamento
    • Rúa Padre Gaite: Refaise a beirarrúa enteira e elimínanse os plátanos que son unha barreira na beira do Pavillón Universitario. Substitúense por novas árbores e ordénase todo o espazo con mobiliario, iluminación, árbores, tránsitos peonís…
    • Nova Praza: É a actuación máis ambiciosa e quere prestar atención preferente ao centro de ensino permitindo que os nenos poidan ir sós ao colexio e poidan xogar na rúa. Tamén se lle dá un servizo parecido ao pavillón de deportes e ao centro da Cruz Vermella. O acceso e saída á praza será pola rúa Padre Gaite.

Ademais destas actuacións concretas en cada rúa, tamén se farán actuacións xerais como:

    • Renovación da rede de saneamento, de auga e de electricidade para a iluminación.
    • Instalación de mobiliario urbano
    • Cambio integral da iluminación
    • Novo arborado con tratamentos diferenciados en cada zona:
    • Rúa da Cruz Vermella: Melia azederach
    • Rúa de Salustiano Portela Pazos: Acer plastanoide Globosum
    • Rúa de Álvaro Cunqueiro: Acer plastanoide Globosum
    • Rúa Padre Gaite: tilia cordada Greenspire
    • Nova praza: créase un conxunto de magnolios e mantéñense tres plátanos dos existentes.