Comeza a apertura dos desaugues das pluviais na praza de Galicia

17

A Concellaría de Parques e Xardíns comezou esta mañá a abrir as canles de desaugue das augas pluviais na praza de Galiza. Como é coñecido, a praza someteuse nas últimas semanas a unha reforma paisaxística coa plantación de novas especies, colocación de céspede, achega e compactación do xabre dos camiños, que aínda estaba por concluír.

O que estaba pendente de executar era a apertura das canles polas que discorrerá as augas pluviais a ambos lados dos camiños. Trátase de canles enmarcadas en pedra, cubertas de grava e tapada con cortiza para que non desentoen co xardín.

Esta solución e o abombamento do xabre na parte central permitirá que os camiños non queden anegados no centro, como pasaba até o de agora, e tampouco queden as charcas nos laterais, como sucedeu esta semana logo das intensas chuvias rexistradas. Os camiños anegáronse debido a que a obra non estaba concluída, xa que faltaba abrir as canles das pluviais.

No caso de que esta solución para as augas pluviais non dea o resultado agardado, procederase a subir os camiños achegando máis xabre, pero a solución anterior é a máis estética para o parque.