O Concello, en disposición de adxudicar de inmediato máis de 6 millóns dos Fondos FEDER

31
    • Será a administración local a encargada de autorizar o gasto dos proxectos financiados polos fondos europeos xa en contratación: Multiusos, Mercado, Gorgullón e Ponte do Burgo.
    • Un acordo entre Ministerio e os concellos permite desbloquear unha situación que durante un ano impediu contratar os proxectos adscritos a estes fondos.

Pontevedra, 26 de xullo de 2018. O Concello de Pontevedra pode dispor dende estes días dos 10 millóns de euros concecidos polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no ano 2016. Con carácter inmediato serán 6 millóns de euros, que o Concello ten en pleno proceso de contratación cos proxectos do Multiusos da Xunqueira, a reforma do Mercado de Abastos, a ponte do Burgo e a reforma da rúa Gorgullón.

Cabe lembrar que o Concello decidiu optar aos fondos FEDER en 2015 presentado unha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra valorada en máis de 18 millóns de euros na que se incluían múltiples proxectos de ámbito social; para estender o modelo de cidade a barrios e parroquias; de carácter ambiental; de mellora da relación cos administrados a través da sede electrónica municipal; do ámbito da muller… Xa era coñecido dende aquela, que os FEDER que teñen un prazo de execución de 2014-2020, financiarían o 80% do custe de cada proxecto e o 20% restante tería que ser achegado polo Concello.

En 2016 o Ministerio de Facenda, xestor dos fondos europeos, aprobou a estratexia de Pontevedra, outorgándolle unha contía total de 10 millóns de euros. Logo de que ambas administracións estiveran realizando os procesos administrativos necesarios para pór en marcha a xestión dos fondos, o Concello estaba en disposición de iniciar a súa execución a principios de 2017. De feito abriu a licitación de catro proxectos: remodelación da ponte do Burgo, remodelación do Pavillón Multiusos, reforma da primeira planta do Mercado de Abastos e reforma da rúa Gorgullón.

Dende aquela até hoxe, sucedéronse múltiples reunións con Facenda para concretar quen tiña que autorizar formalmente o gasto e a execución dos proxectos incluídos nas estratexias.

Logo dunha última reunión co Ministerio de Facenda hai escasos días, ambas administracións acordaron que sexan os concellos os encargados de autorizar o gasto destes fondos (até o de agora estaba previsto que fóra o Ministerio o que autorizase o gasto de cada un dos proxectos). Por iso, dende esta mesma semana Pontevedra está en disposición de iniciar ou continuar a licitación de proxectos por valor de máis de 6 millóns de euros.

Carácter inminente terán os proxectos do Multiusos da Xunqueira (2.143.000 euros) e o Mercado de Abastos (279.292 euros), ademais da Ponte do Burgo (2.561.000 euros) e a reforma do Gorgullón (1.554.000 euros).

Outros proxectos incluídos tamén na estratexia EDUSI de Pontevedra nos que se comezará a traballar na súa contratación, xa que están liberados os fondos, son a centralidade da parroquia de Tomeza (980.000 euros), parque forestal da Tomba en Campañó (441.000 euros), solucións electrónicas para a xestión de tributos (450.000 euros), mellora da plataforma de virtualización informática do Concello (205.000 euros), a reforma das instalacións do edificio de Santa Clara para transformalo nun centro de muller…