Pont Up Store, encontro do talento transformador de Galicia

46
  • A 5ª edición presenta un programa con máis de 40 actividades, unha carpa con 45 startups e un “talent bussiness”
  • Dez novas empresas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 executivas de grandes empresas e entidades galegas no Puntazo Exprés

Desvelada a estensa programación da 5ª edición de Pont Up Store, que se desenvolverá do 20 ao 22 de setembro na cidade, con epicentro na praza do Concello. A cita consolídase como o referente para mostrar o emprendemento galego. Hoxe presenteouse no Concello o programa nun acto no que participaron Carme Fouces, concelleira de Cultura; Javier Dios, deputado provincial de Innovacion e Promoción Económica; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont Up Store.

Fouces falou da importancia de desenvolver tecidos empresariais e de construír canles para mostrar o talento da Universidade. A concelleira tamén celebrou que nesta edición se aposte dun xeito importante polo rural do noso país que asegurou “precisa unha mirada diferente e unha vinculación coa tecnoloxía”. Pola súa parte, Javier Dios lembrou que o apio á cultura emprendedora “é unha das apostas da Deputación. O vicerreitor Jorge Soto definiu o encontro como “tres días ilusionantes de cultura emprendedora e de apoio importante á economía social” e lembrou que “a Universidade ten un equipo traballando de forma permanente en iniciativas enfocadas a apoiar o emprendemento do noso alumnado”.

Figueroa debuxou un programa con máis de 40 actividades repartidas por toda a cidade que comezará o xoves 20 ás 11.00 horas cun dos dous workshops I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo do workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir  os nosos obxectivos profesionais.

O epicentro volverá a ser a carpa situada na Praza de España. O venres 21 e sábado 22 de setembro será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. Este ano, ademais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas.

As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas.

A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa planeado con perspectiva de xénero.

A pouca distancia da Praza de España, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20, un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, e de adentrarse tamén no mundo da robótica.

Estreamos o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración e que serán retransmitidos por un coñecido caster.

No Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social.

O Pont-Up Store estase convertendo en punto de encontro anual para moitase entidades e asociacións do ecosistema emprendedor. É o caso de AJE, ou do Meetup especial da Comunidade de WordPress de Pontevedra, a presentación da Rede Galega de Coworking, ou o Encontro anual da Asociación Española de Mentoring e Emprendemento que incidirá sobre a necesidade de incrementar a presenza feminina como mentoras, especialmente en disciplinas tecnolóxicas. E como contrapunto lúdico, dentro deste mesmo bloque de actividades, está programada a Carreira das empresas, que propón unha xincana por Pontevedra e arredores, na que os participantes deberán demostrar as súas competencias para traballar en equipo, lideralo, tomar decisións correctas e consensuadas, e resolver os problemas que xurdan.

En total serán máis de 40 actividades impartidas por 100 expertas e expertos, entre as que destaca o formato “talent business” Puntazo Exprés.

Puntazo Exprés
No Puntazo Exprés 10 novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT); María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Alba Baños, responsable da área de Analítica de REDEGAL e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones. Este ano, como novidade ás presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo de réplica.

Pont-Up Store vai celebrar os seus 5 anos de apoio á cultura emprendedora baseada na innovación e a cooperación cunha mostra que permanecerá instalada durante todo o encontro na Casa das Campás e onde se mostrarán materiais promocionais e contidos visuais de todas as edicións.  O seu director, Pedro Figueroa, lembrou que ao longo destas cinco edicións o encontro recibiu un total de 600 solicitudes de empresas, das que acolleu a 210. O encontro programou 150 actividades nas que participaron cerca de 4.000 asistentes e que impartiron 360 expertos; contou coa presenza de cerca de 50 entidades en cooperación e recibiu máis de 90.000 visitantes. Figueroa tamén apuntou que o 89% das empresas que se presentaron no Pont-Up Store continúan coa súa actividade.

programa_pontupstore_2018