A feira Etiqueta Negra volve en novembro para pór en valor o produto gourmet galego

40

 

  • Terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra os días 10, 11 e 12 de novembro
  • A mes e medio do evento xa hai máis de 70 expositores confirmados, co que o número de participantes xa supera ao da anterior edición

Tras o grande éxito conseguido nas dúas pasadas edicións, a feira profesional Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora volve ao Recinto Feiral de Pontevedra os días 10, 11 e 12 de novembro para seguir consolidándose como a feira de referencia do gourmet galego.

Profesionais, produtores e consumidores volverán darse cita en Etiqueta Negra co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatesen galegos.

A comercialización do espazo feiral, a mes e medio do evento, rexistra nestes momentos máis de 70 expositores confirmados, co que o número de participantes xa supera ao da anterior edición. Moitas das empresas expositoras repiten de novo, proba do seu grao de satisfacción, pero tamén hai que destacar unha alta porcentaxe de empresas que acudirán por primeira vez a presentar produtos tan singulares como congro seco, vaca cachena, hidromel, bebidas saudables ou botelo.

Desde a súa posta en marcha, a organización de Etiqueta Negra primou a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. E así continúa sendo nesta terceira edición, na que tamén hai que destacar unha maior presenza de starups, como firme apoio ao emprendemento e á innovación. Nos diferentes stands poderanse atopar exquisiteces tales como marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas, doces, xeados…

 

Pepe Solla, Lucía Freitas e Iñaki Bretal

O programa de actividades, a piques de ser pechado, contará coa colaboración de novas promesas da cociña e de destacados chefs galegos como Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), protagonistas os tres da campaña publicitaria de Etiqueta Negra 2018 que se vén de presentar.

Así, xunto á actividade da zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse espectáculos de cociña en directo, cursos específicos para profesionais e público xeral, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento.

Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra conta co patrocinio principal de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, así como da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta terceira edición Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña e Froiz.

En 2017 Etiqueta Negra recibiu máis de 6.400 visitas e contou, ademais, coa participación de 68 produtores e a realización de case 200 reunións de traballo no Punto de Encontro Profesional.

Balance da presentación en Barcelona

A Oficina de Turismo do Centro Galego de Barcelona convidou á organización de Etiqueta Negra a presentar a feira con motivo da inauguración das súas remodeladas instalacións. Ata alí desprazáronse a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, varios membros da organización e dous produtores para explicar con máis detalle as características e particularidades da feira profesional.

O acto contou coa presenza dun importante número de persoas pertencentes, na súa maioría, a empresas do sector da alimentación e distribución como Casa Debasa; exportadoras como Gastro Gourmet Agency e tendas gourmet especializadas en produto galego como Ego Galego ou O Lobo Galego. Tamén acudiron representantes de tendas que ofrecen produtos gourmet de diferentes procedencias como El rincón delicatessen e, en xeral, profesionais do sector asentados en Barcelona.

Os asistentes puideron comprobar a calidade dos produtos galegos nunha degustación de máis de vinte e cinco produtos das marcas expositoras. Tanto os produtos como o concepto da feira tiveron unha excelente acollida e foron moitas as persoas que mostraron a súa intención de coñecer in situ a feira.

Para Etiqueta Negra esta presentación supuxo unha grande oportunidade para darse a coñecer noutros mercados e propiciar novas oportunidades de negocio, non en balde na cidade condal a restauración e os produtos galegos gozan dun merecido prestixio, con recoñecidos restaurantes e chefs galegos, e mesmo tendas gourmet exclusivas de referencias galegas.