Sae a concurso a iluminación de Nadal, que incluirá unha árbore de 20 metros con acceso ao interior

169

 

  • Sube de xeito signifcativo a contía do contrato: a 122.000 euros e outros 23.000 para as luces do Entroido
  • A ambientación de centro histórico irá da man da CCU-Zona Monumental e Aempe e outras asociacións de comerciantes colaborarán con máis elementos decorativos
  • Concello e comerciantes pactarán a data do acendido

O Concello de Pontevedra eleva “de forma significativa” a contía adicada á iluminación de Nadal, segundo subliñou a concelleira de Festas, Carme da Silva, ao remate da Xunta de Goberno local que deu luz verde ao prego de condicións para sacar a concurso a adxudicación das luces de Nadal 2018 e Entroido 2019.

O Concello adicará 122.000 euros ás luces de Nadal e 23.000 euros ás do Entroido. Un total de 145.000 euros, cantidade que duplica a consignación do pasado ano: 70.000 euros que ademais cubría os gastos das luces das festas de Santiaguiño e A Peregrina.

“Facemos un esforzo económico importante” indicou a concelleira Carme da Silva quen confía en que a ambientación de Nadal contribúa a dinamizar a cidade e a actividade comercial nestas datas. Como en anos anteriores a iluminación da Boa Vila farase en colaboración coa Asociación Centro Comercial Urbano- Zona Monumental -para o casco histórico-, Aempe e outras asociacións de comerciantes noutros puntos da cidade.

Tamén cos comerciantes pactará o Concello a data do acendido das luces, que será a finais de novembro-primeiros días de decembro.

Unha grande árbore de 20 metros de alto, con acceso ao interior, na praza da Ferrería e unha gran bola de 4 metros, tamén con acceso ao interior, nun punto por determinar serán dous dos principais reclamos das luces de Nadal 2018, que incluirán arcos, guirnaldas, decoración de focos e iluminación de elementos específicos (camelios, a chegada da Cabalgata dos Reis…).

O prego do concurso aprobado recolle unha relación de mínimos dos elementos a instalar:

  • 8 unidades de rótulos Nadal 2018
  • 148 arcos distribuídos nas rúas: 12 de Novembro, Oliva, Benito Corbal (tramo peonil e tramo con circulación), Santa Clara, Cobián Roffignac, Paseo de Colón, Daniel da Sota, Echegarai, praza do Concello, Estribela, A Seca, García Camba, Xoaquín Costa, Loureiro Crespo, Casimiro Gómez, avenida de Lugo, Riestra, Marquesa, Michelena, rúas de Monte Porreiro, Peregrina, Ponte Sampaio, Rosalía de Castro (zona peonil e tramo rodado), Sagasta, Virxe do Camiño, Xeneral Gutiérrez Mellado e Frei Xoán de Navarrete.
  • 86 motivos luminosos en 86 focos das rúas Alameda, Santa Clara, San Antoniño, glorieta Compostela, Cruz Gallastegui, praza da Ferreiría, glorieta Loureiro Crespo, praza de Ourense, avenida de Vigo e Eduardo Pondal.
  • 2 árbores de Nadal: o de 20 metros da Ferrería e un segundo de 10 metros nunha ubicación a elixir e 1 bola de 4 metros.

A estes elementos “mínimos” haberá que engadir os incluídos nas melloras que oferten as empresas interesadas en facerse coa iluminación de Nadal de Pontevedra. O Concello propón máis arcos transversais, adornos de farol e algunha árbore e bola xigante máis. “Serán as melloras as que determinen a adxudicación” sinalou a concelleira de Festas.

Polo que respecta á iluminación do vindeiro Entroido, o prego de condicións para a licitación recolle a instalación dos seguintes elementos:

  • 1 rótulo do Entroido 2018
  • 33 arcos repartidos polas rúas Benito Corbal (tramo peonil e tramo con tráfico), praza Curros Enríquez, A Verdura, praza do Concello, Loureiro Crespo e Michelena.
  • 14 adornos para os focos das prazas da Ferrería e Ourense.