Ábrese o debate para perfilar as bases de concesión e uso dos novos postos do 1ª andar do Mercado

143
  • O Concello trasladará o borrador  aos grupos políticos, praceiras/os, potenciais usuarios para que fagan achegas
  • Sairán a adxudicación 36 postos vacantes, organizados en 23 unidades e no poderán ser competencia directa cos postos do piso de abaixo
  • A incorporación de novos usos é unha “oportunidade de ouro” para poñer no mapa o mercado e dinamizar a súa contorna
  • A reforma paralela (en marcha) ao proceso administrativo está nun 80% financiada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Concellería de Promoción Económica e da Cidade, dirixida por Anabel Gulías, traballa na ampliación de usos do mercado de abastos, “unha oportunidade de ouro para recolocar no mapa a praza” e facer deste equipamento municipal un elemento dinamizador esencial do centro histórico e creador de sinerxías coa cidade.

Anabel Gulías presentou o borrador das bases para o acceso aos novos postos do 1º andar do mercado. “É o documento de inicio, de partida, que se vai a enviar aos grupos políticos, que se vai a pór a disposición das actuais concesións da praza de abastos e que vai a estar a disposición do público para que fagan achegas” sinalou a concelleira de Promoción Económica, quen puxo a énfase en que “é o momento de debater publicamente, participativamente” sobre o futuro da instalación.

O Concello sacará a licitación pública os 36 postos vacantes no primeiro andar do mercado, organizados en 23 unidades, o que quere dicir que os espazos teñen diferentes dimensións: van de 5,77 metros cadrados, os máis pequenos até 24, os máis grandes. A adxudicación será por un ano e inclúe prórrogas anuais até un máximo de 4 antes dunha posible concesión definitiva.

O prego de condicións da licitación recolle expresamente, subliñou a concelleira Anabel Gulías, que os postos destinaranse a actividades innovadoras baseadas nun produto: tendas de sementes, adega, postos de agricultura ecolóxica, cocedoiros…. e que “non se valorarán as actividades que entre en competencia directa cos postos do andar de abaixo”.

O horario de apertura do mercado será con probabilidade unha das cuestións que xere maior debate, apunta a concelleira, consciente dos condicionantes derivados da venda de peixe e produtos frescos. “Nós facemos unha proposta, non está pechada a posibles axustes e ademais non obriga a ningunha das praceiras/os aínda que deixa aberta a porta a que se sumen” recalca Anabel Gulías.

A proposta de apertura nicial do Concello é a seguinte;

  • De Luns a venres.  Dende a apertura da praza até as 14.00 horas
  • Tardes: de 17.30 a 22.30 horas
  • Sábados, domingos e festivos: até ás 23.30 horas

Os horarios poderán ser distintos nos meses de verán. Tamén valorarase a posibilidade de adoptar o horario continuado.

As persoas usuarias dos postos do 1º andar do mercado terán que pagar un canon de concesión que pode ir dende os 301,32 euros/ano até 357,72 € en función do tamaño e de se teñen ou non extractor de fumes. Ademais terán que pagar as taxas municipais reguladas pola vixente ordenanza fiscal 16/2012, que no rango máis alto é de 88,70 euros ao mes.

Este pasos máis administrativos descorren paralelos á obra de reforma do 1º andar, adxudicada á empresa Acevi por 218.682,22 euros e que está en marcha. Fora o segundo proxecto municipal adxudicado dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra, após da adxudicación da renovación integral e estrutural do Pavillón Multiusos da Xunqueira, que tamén está en execución.

A previsión do Concello é que o renovado mercado de abastos estea a pleno rendimento no vindeiro mes de xaneiro.

Fondos FEDER

A actuación no mercado de abastos redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e na Estratexia EDUSI Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

DOCUMENTO TRABALLO PREGOS MERCADO