O Concello iniciará obras de saneamento e abastecemento por 35 millóns despois de Reis

43
    • O saneamento será prioritario e comezará pola parroquia de Verducido, para simultaneala con outras do norte do concello como Santa María e Santo André de Xeve, Campañó ou Bora. Será un investimento de máis de 20 millóns de euros.
    • Tamén se redactan nestes momentos os proxectos do novo abastecemento para as parroquias de Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo ou Bora; así como o novo depósito de Castrosenín que dará auga á ampliación de Montecelo.
    • Entre os primeiros proxectos a contratar está a reforma de Echegaray.

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha última reunión para priorizar o desenvolvemento das melloras vinculadas ao novo contrato da auga. Neste encontro estivo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsable de Contratación e do Ciclo da Auga, Raimundo González, así como o enxeñeiro xefe municipal e representantes da empresa concesionaria, Viaqua, na cidade.

O contrato da auga entrou en vigor o pasado 1 de outubro e, dende ese momento, técnicos municipais e representantes de Viaqua veñen mantendo contactos frecuentes para priorizar o investimento das melloras de obra ofertadas pola empresa na súa proposta. Serán 58.028.179 euros executados nos vindeiros 3 anos, aos que haberá que sumar os 7.810.327 euros de canon que tamén deberá pagar a empresa.

Viaqua mantén o compromiso de que a final deste ano terá rematados proxectos de obra por valor de 35 millóns de euros, maioritariamente de saneamento. E estaría en disposición de iniciar os primeiros traballos despois de Reis.

As obras prioritarias serán as do saneamento. Comezarase pola parroquia de Verducido para simultenear con Santa María e Santo André de Xeve, Campañó e Bora. Nestas parroquias farase un investimento por riba dos 20 millóns de euros. Tratarase de seguir o trazado as vías municipais, aínda que tamén será preciso pasar por estradas doutra titularidade administrativa, o que supón que en moitos dos proxectos haberá que solicitar as autorizacións pertinentes. Estas iranse tramitando á par da redacción dos proxectos.

Tamén está acordado entre o Concello e a empresa, que nas vías de menos de 3 metros de ancho se asfalte toda a estrada, e as que teñen dous carrís, reporase o firme no carril que sexa necesario abrir.

Neste momento, o Concello dispón de varias parroquias co saneamento rematado como Tomeza, Lourizán, Canicouva, Ponte Sampaio ou Lérez, entre outras nos que está practicamente rematado. A única parroquia que non dispón de case servizo é a de Verducido, por iso se comeza por este punto.

Abastecemento

Ao respecto do abastecemento, tamén está previsto simultanear traballos nas parroquias de Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Bora. Igual de importante é dotar á nova ampliación do Hospital de Montecelo de auga potábel, polo que será necesario construír un novo depósito en Castrosenín.

Nas obras de abastecemento vai incluída a mellora da estación de bombeo, cambiando catro dos seis puntos de captación actual (dous xa foron renovados co investimento de Acuaes).

Reforma en Echegaray

Outro dos proxectos que se porá en marcha a primeiros de ano será a reforma da rúa Echegaray, onde será necesario cambiar as canalizacións de abastecemento e saneamento en ambas marxes. O concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González manifestou que unha vez que o Concello dispoña do proxecto será consensuado coa veciñanza.

Ao tratarse de obras incluídas nas melloras que ofertou Viaqua, a empresa deberá executar os proxectos e contratalos, sen estar sometido a ningún proceso de licitación pública, o que permite axilizar moito os prazos e poder iniciar as obras canto antes.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo resaltar que “se valore o esforzo de todos os veciños de Pontevedra para que os veciños do rural pontevedrés teñan saneamento”. Explicou que dos 58 millóns das melloras, a práctica totalidade investirase no rural, cando o maior parte do cobro da auga e do saneamento se fai no casco urbano. A modo de exemplo expuxo que a conexión do saneamento a cada vivenda de Verducido está cuantificada nuns 25.000 euros.

Por iso, fixo un chamamento á “solidariedade necesaria porque queremos que no rural tamén haxa servizos. Pero son fondos de todos os veciños de Pontevedra que se investirán, practicamente, só no rural”.

Ao remate da execución destas melloras, Pontevedra terá canalizado o 100% das súas augas residuais e máis da metade do concello conectado á rede de auga potable. “Este contrato é un antes e un despois para os veciños do rural”, explicou Fernández Lores.