Nebot: “O modelo Pontevedra dura porque está asumido por todos os cidadáns”

49
  • O autor do informe de apoio á ordenanza de espazos públicos e mobilidade avoga por estender a cidade amable a máis barrios e ao rural
  • Este experto, redactor entre outros dos plans de mobilidade de Madrid, Pamplona, Vitoria, Palma de Mallorca ou Vigo, deu conta do seu informe na Comisión municipal de Mobilidade
  • Será protagonista con César Mosquera do diálogo “Pontevedra a cidade que ven” que terá lugar no foro Urbtopías, hoxe ás 19.00 horas no Sexto Edificio do Museo

O autor do informe de apoio á ordenanza de espazos públicos e mobilidade do Concello de Pontevedra, asistiu esta mañá á Comisión de Mobilidade, infraestruturas, obras e servizos para dar conta, responder dúbidas e debater os contidos, conclusións e suxestións recollidos no seu estudo cos representantes dos grupos políticos con escano no Pleno municipal.

Xusto antes foi recibido polo alcalde Miguel Fernandez Lores e o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, cos que intercambiou impresións sobre o modelo Pontevedra, un modelo que “ten demostrado que marcha e marcha moi ben” e que “está asumido por todos os cidadáns”, segundo este enxeñeiro de Camiños e redactor de numerosos Plans de Ordenación de Mobilidade e Accesibilidade Urbana e Mobilidade Sustentable, entre outros, os de cidades como Madrid, Pamplona, Vitoria, Palma de Mallorca ou Vigo.

Fernando Nebot será pola tarde tamén protagonista, xunto co concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera dun diálogo sobre “Pontevedra a cidade que ven” no marco do foro “Urbtopías”. O diálogo, moderado pola xornalista Fernanda Tabarés, terá lugar no Sexto Edificio do Museo, ás 19.00 horas.

O informe parte “dunha realidade moi avanzada, non parte de cero na formulación da mobilidade amábel, que está moi implantada en Pontevedra”, sinala Nebot quen define os resultado do seu traballo como unha achega de “pequenos detalles, apostillas..” como por exemplo, como enfrontar o desprazamento en bici, o uso de vehículos de mobilidade persoal, a necesidade de que os itinerarios peonís sexan o máis continuos posible, etc.

Este experto en plans de mobilidade urbana subscribe e subliña elementos do modelo Pontevedra como poden ser:

  • a inversión das prioridades no espazo público, dando preferencia claramente á maioría dos usuarios deste espazo que son os peón, as persoas…. Non hai que esquecer que en todas as cidades o principal medio de mobilidade é a marcha a pé e en todas as cidades o espazo público é (ou debe ser) un espazo de estancia, de convivencia onde as persoas quedan cos amigos, os nenos/as poden xogar, a xente poda encontrarse
  • a aceptación dunha realidade que semellaba impensable, deixar de usar o vehículo en calquera circunstancia e momento, para facer un uso selectivo do coche. Este cambio permite diminuír os riscos e implementar a seguridade -“Pontevedra ten unha situación insuperable, con cero mortos por atropelos dende hai anos”, lembra Nebot- sen penalizar a velocidade media de circulación.

Todos estes vimbios, resume Fernando Nebot, xerou en Pontevedra “unha gran convivencia, un respecto mutuo no espazo público, unha tolerancia” froito de ter interiozado as prioridades do modelo. “É un modelo que sería impensable supoñer que xurdiu porque si ou que puido impoñerse, é un modelo que se dura é porque está asumido polos cidadáns, cada un co seu matiz, coa súa opinión, coa súa crítica pero que está asumido por todos os cidadáns”, conclúe.

Con esta avaliación na man, Fernando Néboa fai unha suxestión “estender o modelo urbano a máis barrios e tamén ao rural”.