Pontevedra presenta unha web feminista para visibilizar ás mulleres esquecidas

89
  • O programa A memoria das mulleres salta á rede cunha amplísima oferta documental: 130 biografías, 200 fotos, 12 vídeos e 3 roteiros autoexecutables…
  • O programa A memoria das mulleres salta á rede cunha amplísima oferta documental

Amalia Armesto foi unha das pioneiras. Pontevedresa de finais do século XIX, masona e moi activa nos faladoiros madrileños da súa época. Estrella e Gabriela son mariscadoras de Ponte Sampaio. Dolores Trabado foi a primeira taxista da cidade, nos anos 60 do século XX. María Luis Olañeta vendía lambonadas en carriños por toda a cidade.

Cento trinta biografías, 21 artigos, máis de 200 fotos, 12 vídeos e 3 roteiros auto executables conforman un fondo documental sobre polo menos 500 pontevedresas que nos últimos anos foron esquecidas da vida social, económica ou cultural da Boa Vila e que hoxe adquiren un maior protagonismo grazas a esta iniciativa do programa Memoria das Mulleres, impulsado polo concelleiro de Memoria Histórica, Luís Bará.

A web, que reside no dominio dogrisaovioleta.gal é o resultado dun proceso de “investigación, divulgación e homenaxe” dun produto que naceu hai 5 anos para “reparar o esquecemento e recoñecer o protagonismo das mulleres na vida de Pontevedra”, en palabras do concelleiro Bará, quen non dubidou en presentar a obra como unha auténtica “enciclopedia biográfica, gráfica e temática”.

As biografías divídense en tres: mulleres da clase traballadora, as mulleres pioneiras e as que sofreron a represión, todas elas indexadas para un uso máis doado e unha mellor localización. Tamén están reflectidas as accións de visibilización das mulleres no espazo público, para corrixir a débeda histórica, así como as distintas publicacións realizadas durante estes cinco anos.