Aberto o primeiro tramo de Benito Corbal para o desfile do entroido de mañá

182
  • A primeira fase da reforma, entre Lepanto e Sagasta, está rematada e pendente de asfaltar cando se conclúa toda a obra.
  • Este tramo quedará totalmente expedito para que as góndolas do entroido poidan pasar sen problemas polo percorrido.

O Concello de Pontevedra deixa aberta a rúa Benito Corbal, entre Sagasta e Lepanto, na xornada de hoxe para garantir o desfile do entroido mañá pola tarde. O primeiro tramo desta reforma xa está acabada, agás o asfaltado, que se fará ao final de toda a obra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comprobou esta mañá a situación da rúa na que se traballaba retirando o valado e pendente dun fresado final nas últimas horas.

A obra suspenderase até despois do entroido, cando se retome para completar a ampliación de beirarrúas (1,20 metros a ambos lados), a eliminación do estacionamento no lateral esquerdo e a creación de aparcamentos de servizo no dereito dende Lepanto a Cobián Areal. Quedará un carril de circulación que dará servizo aos establecementos comerciais e tamén ao estacionamento de Barcelos.

O entronque coa rúa Lepanto farase ao final da obra, agardando a que a Xunta remate a súa actuación no vello edificio administrativo, e coincidindo coa propia reforma da rúa Lepanto que tamén está adxudicada. Esta última obra non se comezou por recomendación técnica que desaconsellaba realizar en paralelo as dúas obras.

A parte final da reforma será o asfaltado de todo o tramo reformado, que se fará unha vez que conclúa a ampliación de toda a rúa.

O alcalde lembrou que se trata dunha obra demanda polos comerciantes que reclamaban  estacionamentos de servizos e máis espazos para os peóns, especialmente nesta rúa cunha densidade de tránsito peonil moi elevada.

A reforma de Benito Corbal foi adxudicada á empresa E.C.Casas por valor de 147.587,89 euros.