O proxecto do skatepark chega ao Concello para empezar a súa contratación

40
  • Terá unha superficie de 1.342 m2 e estará situado nunha parcela do campus.
  • O proxecto propón dúas prazas de skate con diferentes elementos.
  • Pendente de concretar o orzamento, a estimación inicial é de 500.000 euros.

O Concello de Pontevedra recibirá nestes días o proxecto definitivo do novo skatepark que está previsto instalar nunha parcela do campus universitario de 10.600 m2 (na entrada do campus) aínda que a ocupación da estrutura do skatepark é de 1.342 m2.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acompañado de representantes da asociación de skate de Pontevedra presentaron hoxe este proxecto, no que colaboraron os deportistas; unha vez recibido será supervisado polos técnicos municipais e entrará no proceso de contratación. O custe estimado, inicialmente, é de 500.000 euros.

Aínda que a superficie construída será de 1.342 m2, o Concello ten intención de actuar en toda a parcela integrando o espazo universitario, co deporte e o medio ambiente. De feito, será preciso transplantar tres árbores, pero tamén se instalarán bancos e novas plantacións no resto da parcela para crear espazos de estancia. 

Coa nova pista de skatepark búscase abandonar a tipoloxía propia destes elementos como unha pastilla de formigón allea ao entorno. Proponse un skatepark integrado nos percorridos dun complexo maior; un espazo verde con vexetación que dá sombra, lugares nos que descansar e unha pista para o skate.

Óptase para o deseño do circuíto por unha combinación de dous Skate Prazas enlazadas por un espazo elevado intermedio xerador de velocidade no percorrido. Desta maneira o skatepark pode funcionar como un único elemento de gran percorrido así como dúas prazas con percorridos internos.

As dúas Skate Prazas presentan diferenzas tamén en canto á presencia de elementos. Mentres que a praza norte mantén obstáculos de maior dificultade, a praza sur acolle obstáculos máis elementais que permiten a iniciación no deporte.

As Skate Prazas sitúanse en paralelo á zona de paseo que atravesa a parcela. Os antigos camiños convértense en patinables, aptos para o skate tipo street. Este percorrido, dotará de maior dinamismo e variedade de niveis de práctica ao equipamento.

O bloque de granito é o elemento xerador do deseño global. Delimita a pista de skate xeando asento o freo para os patíns e integra o parque coa urbanización da contorna e o paisaxismo. Levaráse a cabo o tallado do noiro existente mediante a colocación destas pezas de granito a modo de bancadas, nunha pendente moito máis suave. Proponse desdebuxar o corte vertical mediante a aparición destas liñas pétras diseminadas entre o céspede. 

Esta bancada será un espazo de estancia vinculado ao uso do skatepark, utilizada no día a día, así como na celebración de competicións e torneos nos que non sexa necesaria a instalación de bancadas de estrutura tubular.

Descrición técnica do skatepark:

  • Praza norte: Maior dificultade. Mini- ramp de aceleración seguido de set de escaleiras, ramplas e eurogap con varandas en baixada e hubbas rectos e en baixada. Na parte central sitúase un conxunto de hip, bank to bank central e varandas. No extremo sur desta praza sitúase un dobre quarter con rolling central que permite recuperar velocidade e cambiar de sentido ou continuar e realizar o percorrido completo cara á outra Praza.
  • Praza sur: Iniciación e dificultade media. Rampla con hubbas aos lados en baixada e varanda central en baixada. Parte intermedia con caixón, ledges, unha varanda baixa e unha media pirámide. Punto de retorno a continuación mediante quarter- pipe ou baixada a bowl.
  • Bowl. Elemento tipo piscina, encadeado con quarter- pipe. Xeometría definida por encaixe en ángulo de dúas piscinas semi-rectangulares con fondo variable. Intersección con spine. Encontro con superficie plana mediante cooping, perfil tubular metálico que evita o desgaste do vértice ao realizar trucos nel.