Xornada de portas abertas este sábado para amosar á veciñanza o novo Centro do Mercado de Estribela

57
  • O novo local social será recibido mañá polo Concello despois de transformar o vello mercado da parroquia no centro veciñal.
  • O concelleiro Demetrio Gómez mantivo onte unha reunión coas asociacións parroquiais que terán espazo neste centro para amosarllo e abordar o reparto de espazos.

O concelleiro de Obras e delegado de Lourizán, Demetrio Gómez mantivo onte unha reunión con asociacións da parroquia para amosarlle o novo centro social, a Casa do Mercado, e fixar unha xornada de portas abertas para este sábado, 13 de abril, de 11 a 13.30 horas para todos os veciños e veciñas que queiran coñecela.

No encontro de onte pola noite, a maior parte dos veciños quedaron gratamente sorprendidos polo resultado da remodelación deste equipamento municipal. Tamén abordaron as distintas posibilidades que ten o novo centro, e as asociacións quedaron en facer o futuro reparto dos espazos. 

O Concello de Pontevedra recibirá oficialmente mañá este novo centro nun acto público e administrativo ao que asistirán os técnicos municipais, o alcalde e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

Máis de 450.000 euros

A Casa do Mercado está situada no centro de Estribela e foi adxudicado a Construcións Pérez Abilleira por 452.182 euros, aínda que a licitación do proxecto era de 545.521,32 euros.

Ten unha superficie de 672 metros cadrados construídos, moi necesaria para albergar as múltiples actividades que se programan a parroquia máis poboada do municipio.

Dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería, totalmente exenta ao edificio actual), empregarase para usos específicos e menos habituais como conferencias, proxeccións, exposicións… Creouse unha sala de 130 metros cadrados accesíbel dende o exterior cun vestíbulo de entrada. Dispón de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.

Esta planta é totalmente independente do segundo andar, que ten acceso directo dende a traseira do edificio. Ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, tres aulas e aseos. O vestíbulo común dispón de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central.

Ademais, creouse unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.