Chega un novo Maio Mes da Lingua

133
  • 40 actividades -máis dun cento coas escolas- e máis de 2.000 nenos/as e mozas/os falan da dimensión e alcance do proxecto da Concellería de Normalización Lingüística
  • Información ao día en www.pontevedra.gal/mml e no facebook SNLPontevedra e instagram @alingualatexa
  • A programación arranca mañá coa Festa dos Maios, que terá lugar na Ferrería a partir das 11.00 horas

Corenta actividades programadas -máis dun cento se contamos as da programación escolar, xa pechadas- e máis de 2.000 nenos e nenas, mozos e mozas en 30 días. Son datos que falan de importancia e alcance de Maio Mes da Lingua, proxecto da Concellería de Normalización Lingüística que promove o uso e a valorización da lingua dun xeito lúdico e formativo.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou hoxe a programación da nova edición de Maio Mes da Lingua que chega con máis actividades e máis asociacións, colectivos e entidades colaboradoras que nunca. Arranca mañá coa Festa dos Maios, que terá lugar na Ferrería a partir das 11.00 horas e inclúe obradoiros, xornadas, cinema, teatro, roteiros, recitais, conferencias… e citas de programas como a Final do Club de Debate, Ben Veñas Maio ou Apego, e mesmo a promoción dos 1º Premios Mil Primaveras.

“Chegar a máis público, chegar ao público máis novo” é unha das liñas estratéxicas da Concellería de Normalización, lembrou Alberto Oubiña. Neste eido traballouse na elaboración dunha programación “dinámica e viva”, da que se dará conta ao día a través do enderezo vencellado á web do Concello www.pontevedra.gal/mml Aquí pódese descargar o cartaz -deseñado por Alba Castillo- e o programa, ademais de consultar a axenda, avisos ou posibeis variacións no desenvolvemento das actividades.

O facebook SNLPontevedra e o instragram @alingualatexa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello dará conta do que acontece no Maio Mes da Lingua.

“Temos un país amplamente rico, e ademais temos unha cultura, unha identidade, unha lingua que é tanto ou máis rica, cunhas potencialidades inmensas en todos os sentidos”, subliñou Alberto Oubiña, certo de que na oferta de Maio Mes da Lingua “hai propostas para todos os gustos e para todos os públicos”.

Descargar aquí: Programa