A Festa dos Libros converte Pontevedra no centro literario do país esta fin de semana

6
  • Desde esta mañá e ata a noite do domingo, a Praza da Ferraría acollerá os postos de 13 librarías da cidade e a máis de setenta autores e autoras que participarán nunha trintena de actividades
  • Trátase dun modelo que transcende as feiras clásicas do libro e busca unha personalización das relacións entre libreiros e libreiras, creadores e creadoras e público lector.

“Esperamos que esta fin de semana esta sexa a Festa dos Libros de toda Galiza” asegurou esta mañá Miguel Anxo Fernández Lores na apertura da III edición da Festa dos Libros de Pontevedra. O alcalde da cidade acudiu á carpa instalada na Plaza da Ferraría acompañado das concelleiras Carme da Silva e Pilar Comesaña para saúdar personalmente aos 13 libreiros e libreiras que organizan esta iniciativa en colaboración co propio concello. A este respecto Lores asegurou que “en Pontevedra sentímonos orgullosos de facer esta colaboración coas librarías da cidade, que en todo caso se basea tamén nunca política municipal de aposta pola cultura, pola literatura, e pola lectura”. 

A Festa dos Libros iniciou as súas actividades ás 12h desta mañá e manterá, durante os tres días, un programa moi variado e dinámico dando cabida a creadoras e creadores – de escritura, ilustración e narración oral-, a editores e editoras, e a músicos e músicas, poñéndoos en contacto directo co público. Así, este modelo pretende transcender o espírito da feiras tradicionais do libro e ir máis aló dun programa pensado para comercializar libros ou difundir a obra dos autores e autoras do momento, xerando un espazo de convivencia no que a literatura actúe como fío condutor e en diálogo con outras disciplinas. Pretende ademais poñer en valor o espazo físico e o contacto persoal entre todas as persoas que participan, desde ambos lados do mostrador dos postos, fronte a formatos de compra de libro despersonalizados e globais. En palabras do alcalde “é un modelo diferente a meterte en internet e comprar por Amazon, aquí hai un contacto entre o lector e a librería, hai una personalización das cousas”. Miguel Anxo Fernández Lores afirmou ademais que se trata “dun espazo de convivencia e de integración da literatura e da lectura coa propia cidade nun espazo público, algo que ten que ver tamén co modelo de Pontevedra, que é facer una cidade pensada para as persoas, onde o libro, a literatura e a lectura teñen unha importancia trascendental”.

O horario de apertura do espazo que acolle a Festa dos Libros abrangue de 11h a 14h e de 18h a 23h o venres e o sábado, e de 11h a 14h e de 18h a 22h o domingo. O amplio programa de actividades inclúe desde sinaturas e presentacións de libros, ata espectáculos de música, contacontos, mesas redondas, obradoiros e accións poéticas. Coida especialmente as actividades dirixidas a público infantil e xuvenil, nas que a convivencia da literatura coa música e cos produtos audiovisuais teñen especial relevancia, atendendo aos formatos de expresión actuais e ás formas de consumo baseadas nas emocións e na vivencia directa de experiencias.