Castelao e Anna Turbau chegan ao Pazo da Cultura

74
  • Da man do Consello da Cultura Galega, revisán o derradeiro discurso do intelectual galego e a transición.
  • Permanecerán instaladas e visitables ata o 25 de agosto no horario habitual de apertura da Sala.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde hoxe dúas mostras achegadas polo Consello da Cultura Galega que revisan a historia recente de Galicia desde diferentes puntos e vista e formatos. “Pontevedra ten para nós unha significación moi especial e hoxe traemos, alén doutras actividades que virán ao longo deste ano, dúas exposicións moi significativas”. Así apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración das mostras “A intimidade da imaxe” e “Alba de Gloria” no Pazo da Cultura. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou na súa intervención o valor e a proposta novidosa dos seus formatos así como a importancia de reflexar o país desde a vangarda. A inauguración contou coa presenza da concelleira de Cultura, Carme Fouces e de Margarita Ledo e Manuel Gago, os dous comisarios dunhas propostas que se poderán visitar ata o 25 de agosto.

A primeira delas é “A intimidade da imaxe”, a exposición que olla cara a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A súa comisaria, Margarita Ledo, destacou na inauguración o valor da fotografía de Turbau, á que definiu como “unha fotógrafa especial” e da que destacou “a ollada do obxecto retratado sobre a cámara cunha fotografía consciente e auténtica”. A segunda é “Alba de Gloria” a proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida no que enumera as grandes figuras da cultura galega. Gago destacou o proceso de elaboración desta mostra que tiña o desafío de poder “trasladar ao público a emoción, trasladar un discurso que sabemos que tivo unha grande acollida entre o público”.

Estas mostras gardan numerosos fíos de conexión con Pontevedra. Castelao, segundo escribiu el mesmo ao Presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires o 31 de marzo de 1947, afirmaba ser “pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra”. A biografía de Castelao está profundamente relacionada coa cidade do Lérez por iso “Alba de Gloria” tiña unha parada obrigatoria aquí. No caso de Anna Turbau, esta fotógrafa catalá chegou a Galicia en 1975 para retratar as vivendas para familias xitanas proxectadas por César Portela e Pascuala Campos. O Pazo da Cultura acollerá estas propostas que se poden visitar ata o 25 de agosto (Luns pechado. Aberta de martes a venres de 18:00 a 21:00 horas; os sábados de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas; mentres que os domingos e festivos abre só en horario matinal, de 12:00 a 14:00 horas).

 A Galicia da transición

 “A intimidade da imaxe” é unha mostra comisariada por Margarita Ledo que condensa nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa catalá se atopou a finais dos anos setenta en Galicia. O discurso expositivo xira arredor de nove bloques temáticos: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior.  A mostra permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva que emerxe a través da ollada desta fotógrafa que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadores ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemáticas e reivindicacións populares, desde as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións sobre a situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía.

Planos medios, planos abertos e encadres arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada nas figuras das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara. Na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como son a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada. A exposición chega agora a Pontevedra despois de estar en Santiago e na Coruña.

 “Alba de Gloria”: un discurso e unha exposición

“Alba de Gloria” foi o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Arrinca coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e remata co “Gran Don Ramón (Valle-Inclán)”. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Diego Xelmírez, Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou san Dámaso. O discurso, tendo en conta que Castelao era pintor, goza dunha gran plasticidade e riqueza, plasmadas na imaxe e na simboloxía que ten cada figura, de tal xeito que constitúe unha obra cimeira da lingua galega.

A mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante, a través duns lentes de realidade virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

O Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que constrúe un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia cun dos mito máis populares do imaxinario galego como é a Santa Compaña.

A Sala das Palabras é un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época. Preténdese, deste xeito, contextualizar as palabras de Castelao e trasladar a significación que tiña naquel contexto un discurso. A exposición ofrece fragmentos de alocucións de Maruxa Boga, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

A Árbore das Historias plasma de xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.

Ademais, a exposición permite ver a xenealoxía do propio discurso “Alba de Gloria”, que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando. Hai tamén unha contextualización histórica e un infográfico interactivo de big data para poder coñecer a evolución da presenza en textos escritos das grandes figuras da historia que pasaron a formar parte do imaxinario e da identidade do país.