Amal en Ruta volve a Pontevedra con catro ficcións e dous documentais

36

Catro filmes de ficción e dous documentais conforman o ciclo ‘Amal en Ruta 2019’, que volve ao Teatro Principal de Pontevedra entre o 9 e o 14 de setembro. Esta é xa a cuarta vez que este programa de cimena euroárabe recala na cidade do Lérez co obxecto de, en palabras de Carme Fouces, “achegar un cine alternativo, que promova a reflexión e que nos dea ferramentas para entender o mundo que nos toca vivir”.

A concelleira de Cultura, que foi a encargada de presentar a edición deste ano, estivo acompañada polo presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, e ambos incidiron na necesidade de contar con propostas culturais que ofrezan unha mirada diferente sobre a cultura árabe. “O visual é hexemónico hoxe en día e neste caso a linguaxe cinematográfica é unha ferramenta de primeira magnitude que nos permite coñecer unha visión do mundo árabe narrada de seu” asegurou Carme Fouces. A concelleira indicou que tanto con este ciclo de cine como con outras iniciativas que se desenvovlen ao longo do ano “o que queremos é que Pontevedra sexa vangarda, unha cidade moderna e cunha sociedade dinámica, e que o Teatro Principal se transforme na gran sala do cine alternativo ao cinema comercial”.

Sobre as seis proxeccións de ‘Amal en Ruta’, Ghaleb Jaber aclarou que “se trata de coproducións, non ofrecen un punto de vista único, trátase de saber contar historias entre todos”, ao tempo que resaltou que “cada unha das películas é unha xoia en si mesma e non teremos máis oportundiades de velas fóra deste ciclo”.

O ciclo ‘Amal en Ruta’ é un proxecto de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Fundación Araguaney e o primeiro filme programado é ‘Alma mater’ de Philippe Van Leeuw, unha coprodución belga, francesa e libanesa. O martes é a quenda do documental sobre a traxedia da guerra siria ‘Of fathers and sons’ de Talal Derhi e que chega coproducido desde Alemaña, O Líbano, Catar e Siria.  O mércores proxectarase ‘Zagros’ de Shim Omar Kalifa, coproducido por Bélxica e Países Baixos; o xoves chega ‘Ghost Hunting’ de Raed Andoni, un documental sobre un presidio israelí coproducido desde Palestina e Alemaña; o venres ‘Sheikh Jackson’ de Amr Salama desde Exipto; e o sábado pon o remate ‘O Cairo Confidencial’ de Tarik Saleh, unha coprodución que chega desde Suecia, Dinamarca, Exipto, Marrocos, Francia e Alemaña. Todas as proxeccións son ás 21h e a entrada é de balde.

Todos os filmes tratan de “achegar a verdade”, segundo palabras de Ghaleb Jaber, quen asegurou que nos tempos actuais “ante a involución democrática en Europa” é necesario combatir “desde a cultura”. Ghaler Jabeb tamén fixo unha referencia ao “exceso de información” e indicou que “é tan malo como a falta de información”, defendendo o que denominou “a técnica do gota a gota” para educar e formar o pensamento e a capacidade de análise.