O socialista Iván Puentes pon en marcha o plan de mellora da zona de xogos da Illa das Esculturas

66
  • As actuacións, que inclúen a renovación do pavimento e a reposición de mesas, bancos e papeleiras no contorno desta área de lecer infantil, contan cun orzamento global de 45.639,69 euros

A Concellería de Parques e Xardíns, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha o proxecto para a mellora integral da zona de xogos do parque da Illa das Esculturas, un conxunto de actuacións que conta cun orzamento de 45.639,69 euros e que incluirá a renovación do contorno desta área de lecer infantil. Os traballos, iniciados por unha brigada de operarios municipais na tarde do xoves, suporán a revisión completa de tódolos elementos de xogo, así como a substitución daqueles que se atopan en mal estado e a mellora estética dos mesmos mediante o seu lixado, pintado e aplicación de vernices protectores.

Os traballos prolongaranse durante cinco semanas.

Segundo explica o concelleiro Iván Puentes, “este importante investimento tamén contempla a renovación do pavimento dos camiños do contorno, o chan de base de ‘garbanciño’ do parque infantil e os bordos de madeira que delimitan a zona”. “Asemade, levarase a cabo a restauración e reposición dos elementos de mobiliario, optimizando as condicións da área de descanso: mesas con bancos, papeleiras e bancos. Tódalas pezas de madeira que se atopen danadas serán substituídas por outras novas”, sinala Puentes.

As actuacións de mellora da zona de xogos e do seu contorno faranse conforme ao deseño e singularidade orixinal da empresa á que foron adquiridos, a prestixiosa firma alemana SIK-Holz, caracterizada pola orixinalidade, seguridade e inclusividade dos seus elementos de xogo, mantendo a forma natural e estrutura da madeira. As obras prolongaranse alomenos durante cinco semanas.

Iván Puentes lembra que o parque de xogos da Illa das Esculturas “é un conxunto singular de xogos ideado especificamente para o proxecto, pensando na integración na paisaxe natural da Illa e do seu contorno e deseñado en base ao xeito de xogar de nenas e nenos”. Tal e como afirma, “esta orixinalidade confírelle un valor que a diferencia doutros parques, pero ao tempo fai que as condicións para a súa conservación e mantemento sexan máis esixentes”.

“Cada parte dos elementos de xogo é unha peza de forma natural, de madeira de robinia, que encaixa no conxunto de cada elemento de xogo como unha parte dun organismo”, engade.

Flores en Benito Corbal e limpeza da fonte das Palmeiras

As brigadas do servizo municipal de Parques e Xardíns veñen desenvolvendo nestas semanas previas ás festas un intenso zafarrancho que incluíu a renovación e plantación de novas flores nas xardineiras de Benito Corbal, a Alameda e o talude de Raíña Vitoria, e a limpeza en profundidade da fonte das Palmeiras. Tamén se efectuou a sega e limpeza das rotondas das rúas 12 de Novembro, avenida de Lugo e Loureiro Crespo, así como a colocación de bancos en Joaquín Costa.

Tras rematar os traballos de eliminación de pólas en mal estado nos plataneiros, carballos e ameneiros da Alameda, as podas trasladaranse a vindeira semana ás 26 palmeiras dos xardíns de Vincenti.

Limpeza da fonte das Palmeiras.
Flores prantadas nas xardineiras de Benito Corbal.