Yoya Blanco permitirá só aos vendedores coa tarxeta de autorización municipal continuar coa actividade mentres se regulariza o mercadillo de antigüidades

59
  • Os voceiros do colectivo reúnense coa concelleira de Promoción Económica e asegúranlle que están “moi dacordo” cun proceso de regularización que “xa se puxo en marcha”

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, mantivo esta mesma mañá un encontro cos voceiros do colectivo de vendedores do mercadillo de antigüidades Manuel Villanueva, Teresa Pece e Alberto Martínez, coa finalidade de informarlles sobre os pasos que se van a dar para regularizar a súa actividade. A edil socialista explicoulles que o proceso “xa se puxo en marcha” e que, nesta etapa de transición, unicamente permitirá seguir instalando os seus postos na contorna da rúa Serra á trintena de vendedores que contan co tarxeta de autorización municipal selada por Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM).

Villanueva, Pece e Martínez transmitíronlle a Blanco que están “moi dacordo” con que se leve a cabo esta regularización, xa que “obviamente” lles convén “que non estea ninguén en situación ilegal”. En todo caso, garantizáronlle á concelleira do PSOE que os postos non ocuparán as zonas de acceso ao Mercado dende a rúa César Boente e dende os laterais do mesmo, facilitando así a circulación, en especial das persoas con mobilidade reducida e diversidade funcional.

Ámbalas dúas partes amosáronse satisfeitas co resultado deste encontro e emprazáronse a consensuar a reubicación nun espazo que, segundo avanzou a concelleira de Promoción Económica, “estará situado por esa zona”.