Pontevedra acolle unha proba da Copa de España de ciclocross coa mirada posta na Copa do Mundo

33
  • Terá lugar o 1 de decembro e podería ser a antesala para optar a ser sede da máxima competición a nivel internacional
  • Os días 11 e 12 de xaneiro de 2020, a cidade do Lérez, volverá acoller o Campionato de España 

“Imos converternos de novo nun referente nunha actividade deportiva, neste caso o ciclocross, no Estado español pero tamén queremos selo a nivel internacional” aseguraba esta mañá a concelleira Anabel Gulías na presentación de Pontevedra como sede dunha das probas da Copa de España de ciclocross. A concelleira, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, anunciou que o vindeiro 1 de decembro a cidade do Lérez acollerá unha das probas internacionais da categoría C-2 da Copa de España, mentres que os días 11 e 12 de xaneiro de 2020 volverá ser a sede do Campionato de España.

Gulías e Muñiz aseguraron que a concesión de ambos campionatos a Pontevedra, sitúana no camiño de acadar o obxectivo de converterse na sede da Copa do Mundo de Ciclocross por ser esta a fórmula para acreditar experiencia na organización deste tipo de probas. Segundo explicou Juan Carlos Muñiz “unha proba categoría C-2 é unha antesala para facer acoller unha proba de categoría C-1 e con esa experiencia podemos presentar a candidatura a esa Copa do Mundo, que esperamos poder lograr para o 2021 0u 2022 porque xa estamos no camiño de poder soñar”. Unha idea na que tamén incidiu Anabel Gulías asegurando que “cremos que temos as condicións e a capacidade para acollela e imos ir a por ela”.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo lembrou que a presenza de Pontevedra no mundo do ciclocross comezou “fai catro anos cando sacamos o primeiro ciclocross en Campañó, que primeiro foi unha proba da Copa Calicia e despois do campionato galego, é  que agora xa é unha proba instalada no calendario, e grazas á implicación do Concello  de Pontevedra pasamos a ser sede dos campionatos de España no 2019, que non se celebraban en Galiza desde o ano 2006”. Muñiz asegurou que “este ano que se celebrou aquí en Pontevedra tivo unha participación record, e volvemos presentar a candidatura para  ser sede no 2020 e concedeuse cunha maioría aplastante e absoluta”.