Tomeza estreará composteiros individuais a vindeira semana

54
  • Iniciarase o reparto de composteiros porta a porta nas vivendas desta parroquia
  • Entre mañá e o vindeiro mércores realizaranse catro charlas informativas, previas ao reparto, na parroquia de Salcedo

O despregue dos composteiros individuais no rural iniciarase a vindeira semana na parroquia de Tomeza, cun reparto personalizado porta a porta. Explicouno esta mañá o concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña, quen indicou que os primeiros repartos se realizarán nas viviendas das persoas que xa acudiran as charlas informativas previas e tamén ás que o solicitaran mediante formulario no Concello. Posteriormente, continuarase polo resto das vivendas, ata completar o total da parroquia.

Alberto Oubiña explicou que o proceso será entregar gratuitamente o composteiro na vivenda e no momento da entrega, a veciña ou veciño terá que cubrir o formulario (se non o fixera previamente na charla informativa ou no Concello). Uns días despois, persoal técnico da Fruga visitará a vivenda para unha charla personalizada na que se “refrescarán” os contidos da charla informativa e se afondará en cuestións máis miúdas relativas ao funcionamento da compostaxe, o tipo de residuos que poden ser compostados, ou como atopar estruturante nas propias leiras. Esta primeira visita forma parte dun programa de seguimento mediante o cal se prestará apoio personalizado e  se irán resolvendo as dúbidas puntuais que poidan ir xurdindo no proceso da compostaxe doméstica.

Oubiña indicou que, neste momento, participar no programa de compostaxe é voluntario pero que, atendendo á resposta nas charlas informativas, as expectativas de participación son altas e que o obxectivo destas xuntanzas é “atopar cómplices, persoas que queiran poñer en marcha con nós un proxecto novidoso, positivo, ilusionante e que mellorará o futuro das persoas que están por vir”.

Segunda fase

A segunda fase iníciase na parroquia de Salcedo con catro charlas informativas que terán lugar entre mañá e o vindeiro mércores. Mañá, xoves 12, está convocada a veciñanza dos lugares da Armada, Birrete, Esculca e Nabalexo, o luns 16 a da Carballa e da Cancela, o martes 17 a do Carramal, e o mércores 18 a do Campo da Porta, a Muimenta, o Casal, a Costa e o Cruceiro. Todas as charlas terán lugar na Casa Verde ás 20 horas e contarán coa presenza do concelleiro coordinador do Rural, de persoal técnico de Fruga e, na medida do posible, de mestres composteiros. 

A convocatoria para acudir a estas charlas estase realizando por carta, tamén porta a porta, e nelas abordaranse cuestións como o modelo de xestión do lixo, composición da bolsa, beneficios da compostaxe, obrigas legais, como compostar na casa, que se pode botar e que non, ou labores de mantemento. Ao igual que se fixo en Tomeza, as persoas que cubran o formulario na propia charla serán as primeiras en recibir o composteiro individual cando se realice o reparto. Ademais, no caso de que haxa persoas que non poidan acudir á charla do seu lugar no día sinalado poderán ir a outra, aínda que, desde o Concello, se recomenda respectar a convocatoria por lugares na medida do posible.

Tras as charlas previstas nestes lugares de Salcedo, continuarase con xuntanzas nos restantes lugares da parroquia (debido ao gran número de viviendas, Salcedo dividiuse en  dúas metades). Alberto Oubiña tamén adiantou que se está traballando para que a terceira parroquia na que se desenvolva o proxecto de compostaxe individual sexa Campañó.