Pontevedra acolle a entrega dos premios ‘Mil primaveras’

114

O sábado 21 de setembro, a Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o acto de entrega da primeira edición dos premios Mil Primaveras. O acto, que comezará ás 11:30h, estará conducido pola regueifeira Lupe Blanco e Luís O Caruncho e nel entregaranse os galardóns aos seis proxectos escollidos. 

Esta iniciativa foi creada e organizada pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación provincial, e nesta primeira convocatoria concorreron un total de 47 proxectos, dos cales se escolleron o Modelo Burela do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado), Falemos de ti e min do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo), Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto), Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (premio ao programa máis innovador), Eu presumo de galego do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, asegurou que o apoio do Concello responde a que esta iniciativa “pretende valorar, promover e difundir proxectos e campañas relacionadas coa promoción da lingua galega e, ao igual que con todas as iniciativas que están asentadas na terra e que tratan de achegar á maior xente posible o galego, desde o Concello de Pontevedra botamos unha man”. Ademais de ser unha das entidades colaboradoras, o Concello de Pontevedra tamén é unha das entidades que participan nun dos proxectos que resultaron premiados: proxecto Youtubeir@s.

Desde a Deputación provincial, a deputada de Lingua, María Ortega, defendeu a incidencia destes premios “na poboación moza e nas crianzas” por seren “eles e elas as que continuarán difundindo e perpetuando no tempo o noso legado lingüístico”. A deputada indicou ademais que “o galego non é só a lingua da cultura, é a nosa identidade e a lingua da nosa vida” e avogou pola súa transversalidade en todos os ámbitos cotiáns da vida.

Pola súa banda, a presidenta da CTNL, Anxos Sobriño, explicou que ademais de “fomentar a lingua e incrementar o seu prestixio”, estes con premios tamén queren  “recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos”.

Os premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Foron avaliados de acordo coas bases por un xurado formado por persoal técnico do ámbito da normalización lingüística, da comunicación e da investigación sociolingüística, composto por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.