A demanda das Escolas Deportivas Municipais para 2019-2020 ronda a cifra dos 2.000 preinscritos

378
  • A Concellería de Deportes publicará entre mañá e o xoves os listados provisionais de preinscritos tanto no taboleiro do Pavillón como na web do Concello e a páxina de Facebook Deportes Pontevedra

O taboleiro oficial do Pavillón de Deportes, a páxina de Facebook ‘Deportes Pontevedra’ e a área de Deportes da web do Concello ‘https://www.pontevedra.gal’ farán entre mañá e o xoves públicos, en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 22.00 horas, os listados provisionais de preinscritos nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) para 2019-2020. O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, subliña que a demanda para as EDM ronda a cifra dos 2.000 rapaces preinscritos, “o que supera de xeito ostensíbel as 1.800 que se ofertaran para o curso 2018-2019”.

Non obstante, segundo sinala o edil do PSOE, o seu departamento incrementou este ano en 108.000 euros a achega destinada a subvencionar as Escolas Deportivas, pasando de 142.000 a 250.000 euros, “o que se traduce nun aumento das axudas en 22 euros por rapaz inscrito (de 60 a 82 euros por neno) e que permite incluso chegar á cobertura de ata 2.500 prazas”. Fernández explica que os interesados disporán dos vindeiros dous días para revisar os listados e, no caso de que detectaran erros ou incidencias, poderán comunicalo nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes en horario de 08.30 a 14.30 horas, telefonicamente no 986 872 013 ou mediante o correo electrónico ‘admindeportes@pontevedra.eu‘.

Tal e como se indicara, esta fase inicial non ten o carácter dunha matriculación e, polo tanto, aínda non se adxudica a praza na EDM desexada, senón que, naqueles casos nos que exista máis demanda que oferta, levarase a cabo un sorteo público entre tódalas solicitudes presentadas. 

A proposta abrangue un total de 56 grupos de diferentes idades en 21 disciplinas deportivas impartidas por entidades sen ánimo de lucro, para as que se estableceu unha cota de participación de 50 euros para todo o curso escolar. A oferta das Escolas Deportivas Municipais inclúe tríatlon, atletismo, baloncesto, rugby, fútbol, voleibol, fútbol sala, balonmán, esgrima, tenis, padel, bádminton, judo, loita olímpica, taekwondo, ximnasia rítmica, xadrez, escalada deportiva, ximnasia acrobática, orientación deportiva e ximnasia trampolín.

Máis axudas para as EDM rurais

Ás 2.500 prazas ofertadas nesta quenda hai que sumarlles outras 600 das EDM rurais (mantense a cifra con respecto a 2018-19), o que supón unha cifra global de 3.100 prazas, sen contar ás das EDM para grupos especiais. No caso das escolas rurais a achega da Concellería de Deportes sube de 24.000 a 30.000 euros, o que permite pasar de 40 a 50 euros de axuda por neno, e nas de grupos especiais increméntase de 10.000 a 15.000 euros (un 50% de aumento).

As listas das Escolas Deportivas Municipais nas que a demanda supere á oferta serán expresamente anunciadas para que os interesados poidan acudir, se así o desexan, á fase de sorteo público. Nos demais casos, informarase de que xa están en condicións de formalizar a inscrición. O sorteo público desenvolverase nas oficinas do Servizo Municipal de Deportes (no Pavillón) o venres 27 de setembro a partires das 12.00 horas.

Os listados definitivos serán publicados o luns 30 de setembro no taboleiro oficial do Pavillón, a páxina de Facebook ‘Deportes Pontevedra’ e na área de Deportes da web do Concello. A fase de inscrición final levarase a cabo no mesmo lugar no que vaia a desenvolverse a actividade e xestionarase directamente coa entidade organizadora do seguinte xeito: entregaráselle ao responsable da mesma antes do 18 de outubro unha ficha de inscrición totalmente cuberta, xunto co DNI d@ representante legal d@ menor, a tarxeta sanitaria d@ rapaz@ e un xustificante do pagamento da matrícula.