Aberto o prazo de inscrición para participar nos paseos literarios de outono

12

No mes de outubro volven os paseos literarios á cidade da man de autores e autoras que relacionarán Pontevedra coa literatura e coa súa obra. Esta iniciativa está promovida polo Concello en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELGA) e, nesta ocasión, desenvolverase durante os sábados 5, 19 e 26 de outubro. 

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse enviando un correo electrónico a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar en cal dos tres paseos desexa participar. A inscrición recollerase por orde de chegada e cada paseo ten un máximo de 50 prazas.

O primiero dos paseos terá lugar o sábado 5 de outubro, baixo o título “Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade?”, e estará guiado por Adolfo Caamaño.  O escritor é autor de 2 poemarios e 6 novelas, e o seu último libro “Matar o heroe” foi publicado o pasado mes de xullo e galardoado co Premio de Novela Villar Ponte.

O segundo dos percorridos terá lugar o sábado 19 de outubro e estará guiado pola poeta María N. Soutelo, que titulou o seu paseo “A cidade imaxinada: unha memoria familiar”. MN Soutelo ten publicados 3 poemarios e polo primeiro deles, “Código poético” recibiu o XX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

A terceira das propostas está programada para o sábado 26 de outubro e estará guiada por Elena Gallego Abad, baixo o título “Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella”. Elena Gallego é autora da saga “Dragal”, que consta de tres libros, todos traducidos a varios idiomas, e que se basea na presenza do dragón na mitoloxía e nas lendas galegas. Polo primeiro libro da serie, “Dragal, a herdanza do dragón”, recibiu o premio Frei Martín Sarmiento, outorgado por alumnado da ESO.