Iván Puentes pon en marcha un plan para eliminar árbores invasoras e perigosas na senda do Lérez

23
  • O proxecto de mellora ecolóxica iniciado pola Concellería de Medio Natural, que incluirá a plantación de especies autóctonas, realizarase nun treito de 150 metros próximo á praia fluvial
  • Os traballos de tala dos eucaliptos próximos á estrada a Monte Porreiro obrigarán a cortar varios días o carril de baixada  

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha un plan destinado á mellora ecolóxica e ao aumento da biodiversidade e da calidade do bosque de ribeira no tramo da senda do Lérez próxima á praia fluvial. Os traballos suporán a eliminación de tódolos eucaliptos e doutras especies invasoras, como as acacias, nun treito duns 150 metros entre a ponte do ferrocarril e o inicio do sendeiro, e veranse completados coa plantación de árbores autóctonas.

Ao ubicarse a área de actuación no Lugar de Interese Comunitario (LIC) do río Lérez, a execución do proxecto precisou da autorización da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, un visto bo que foi comunicado a finais do verán. Tal e como apunta Iván Puentes, aínda que en anos pasados se fixeron intervencións noutros puntos da senda de seis kilómetros que percorre a ribeira do Lérez ata a parroquia de Bora, “ata o de agora non se actuara nunca neste tramo que discorre na zona máis urbana do sendeiro”.

“Trátase dun treito no que, se ben existen uns poucos exemplares de árbores autóctonas, hai unha notable invasión de especies alóctonas, principalmente acacia (mimosa e acacia negra), robinea e eucaliptos de gran tamaño. Nesta zona, as árbores medran nun talude con forte pendente, teñen un sistema de raíces moi superficial, que non permite unha suxeición segura, e algunhas delas presentan unha considerable inclinación sobre a transitada beirarrúa que conecta a praia fluvial co barrio de Monte Porreiro”, explica o concelleiro do PSOE.

Os traballos estanse a levar a cabo nun treito duns 150 metros entre a ponte do ferrocarril e o inicio da senda fluvial.

De feito, en varias destas árbores xa se produciron roturas de pólas, o que, unido ao anterior, supón un elemento de risco para a seguridade dos usuarios desta beirarrúa e da estrada de acceso á urbanización. Segundo constata o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “o número de exemplares de especies autóctonas é mínimo, e os que existen están moi condicionados polas especies invasoras, polo que non medran axeitadamente nin hai un sotobosque e unha composición florística adecuada para un ecosistema de ribeira, máxime cando estamos a falar dunha zona LIC”.

Mediante o sistema de trepa e co apoio dunha grúa e dun camión

Os traballos que executa a firma Arbogal contan cun orzamento de case 14.000 euros e traduciranse na eliminación de tódolos exemplares pertencentes a especies invasoras, así como daqueles que poidan ter comprometida a súa estabilidade ou que presenten un mal estado de saúde. Iván Puentes subliña que a tala será efectuada por arboristas cualificados “mediante o sistema de trepa, baixando as ramas de forma controlada para salvagardar o mobiliario urbano e o resto do arborado, co apoio dunha grúa e dun camión que retirarán a madeira”.

Nunha primeira fase, as actuacións centraranse na área máis cercana á beira do río Lérez, e posteriormente abordarase a tala dos eucaliptos que están pegados á estrada a Monte Porreiro, o que obrigará a realizar un corte eventual do carril de baixada cara a cidade. A medida adoptarase o martes ou mércores que ven e prolongarase durante unha semana. 

“Tódalas árbores que se van talar -asegura Puentes- correspóndense con eucaliptos, robineas e acacias (o número final superará a trintenta, tendo en conta que hai bastantes de pequenas dimensións). O proxecto completarase coa plantación de especies autóctonas de ribeira”.

As pólas que se acumulen ao final dos traballos de tala trituraranse para o seu emprego como estruturante nos centros de compostaxe municipais, pechando así o ciclo dos materiais.