Uns 50 pilotos de Galicia, España e Portugal deixaranse levar pola inercia da III Baixada a Pintos

42
  • Os artiluxios participantes non poderán levar medios de propulsión e completarán un circuíto que parte do polígono do Campiño, baixa pola estrada EP-004 e discorre polo lugar de Pintos

Uns 50 pilotos procedentes de diversos puntos de Galicia, España e Portugal porán a proba a súa pericia na conducción de todo tipo de artiluxios con rodas durante a Baixada a Pintos de Deportes de Inercia, que celebrará esta fin de semana en Pontevedra. Desprazarse coa inercia como único medio de propulsión e contar cunhas condicións de seguridade son os únicos requisitos para poder competir neste evento, promovido pola asociación Down Mountain Vigo grazas á colaboración da Concellería de Deportes, a Federación Galega de Deportes de Inercia e a Federación de Inercia Asturiana.

A carreira, que foi presentada hoxe no Concello polo edil do PSOE Tino Fernández, nunha comparecencia na que estivo acompañado por un dos organizadores, Alfonso Silveira, contará con participantes provintes esencialmente das comunidades autónomas nas que máis se practica esta disciplina, é dicir, as do Norte de España: ademais de Galica, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León. Non obstante, o socialista subliñou o feito de que “arredor dun 70% dos pilotos que tomarán parte nesta proba pertencen á provincia de Pontevedra, o que amosa que a gran afección que existe a este deporte polos nosos lares”.

“Trátase dunha carreira diferente, moi vistosa, divertida e entretida, cun circuíto bastante xeitoso, que atrae a gran cantidade de seguidores. Hai que agradecerlles aos veciños de Pintos a xenerosidade que teñen á hora de acoller esta proba, xa que moitos incluso abren as súas fincas para que a xente poida seguir o evento de xeito seguro”.

As mangas oficiais cronometradas celebraranse o domingo, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Segundo sinalou Alfonso Silveira, o sábado 19 de outubro pola tarde terá lugar unha xornada de adestramentos (de recoñecemento e adaptación á pista), en horario de 15.00 a 19.30 horas, mentres que o domingo 20 de outubro pola mañá, de 10.00 a 13.00 horas, “haberá dúas mangas oficiais cronometradas puntuables para a Copa de Galicia”. O circuíto da competición partirá do polígono industrial do Campiño, baixará pola estrada provincial EP-004 (A Reigosa-Pintos-Marcón), desviándose posteriormente cara o interior do lugar de Pintos e discorrendo por viais municipais ata chegar á altura do picadeiro de cabalos de Marcón.

Tal e como explica Alfonso Silveira, “a denominación deportes de inercia aglutina a todos aqueles artiluxios con rodas que se poidan desprazar pola súa propia inercia e que non teñan a axuda de ningún tipo de propulsión”. “Para poder participar é preciso cumprir unha serie de características e condicións mínimas de seguridade. Hai establecidas diferentes categorías  -matiza- en base a características como peso, dimensións, altura, clase de rodas, número de ocupantes ou tipoloxía de freos, polo que en función do tipo de vehículo compítese nunha ou noutra”.

Está previsto que participen na proba pontevedresa vehículos das seguintes clasificacións: de rodamento clásico de madeira (unha categoría ‘de toda a vida’ que se atopa case extinguida); de rodamentos máis evolucionados (dos que haberá tres ou catro), neumáticos, dotados de roda con goma, e lixeiros (con divisións en subcategorías como C8, C9, GX Individual, GX Colectivo, Patinetes, Street Luge…). A organización fará entrega de tres premios por cada unha das categorías.