Tino Fernández decláralle a guerra á ludopatía e anuncia unha cruzada de prevención e sensibilización para 2020

12
  • O concelleiro de Actividade Física e Saúde quere impulsar “un calendario de reunións periódicas coas asociacions socio sanitarias, ao xeito dun Consello Municipal da Saúde”
  • O socialista promoverá a celebración dun Salón da Saúde coa participación das entidades, os colexios de Médicos e Psicólogos e os profesionais socio sanitarios

“Quero que o 2020 se convirta no ano da loita contra as ludopatías, un problema cada vez máis preocupante, que afecta a persoas de tódalas idades e que debe ser atallado coa axuda de tódalas administracións”. Con esta contundente declaración de guerra á lacra da ludopatía anunciou o concelleiro de Actividade Física e Saúde, o socialista Tino Fernández, a cruzada de prevención e sensibilización que pretende impulsar neste eido coa implicación de tódalas asociacións socio sanitarias de Pontevedra.

O asunto foi un dos puntos que se tratou precisamente nunha reunión na que estiveron representadas nove destas entidades: a Asociación Española Contra o Cancro (AECC); a Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes (ANEDIA); a Asociación de Déficit de Atención e Hiperactividade de Pontevedra (ADAHPO); Amencer-Aspace; a Asociación de Síndrome de Down Xuntos; a Asociación Alba (de enfermos psíquicos e familiares); SOS Sanidade Pública; a Asociación de Párkinson de Pontevedra (APROPARK), e a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII).

Tal e como sinalou Tino Fernández, a súa Concellería aglutina por primeira vez de xeito claro nunha soa carteira “tódalas competencias en materia de Saúde”, polo que o impulso da sensibilización, a prevención e a concienciación neste ámbito “vai ser un dos eixos clave ao longo deste mandato”. Tras escoitar as súas propostas, o edil do PSOE avanzoulles a súa intención de que se inclúa nos orzamentos para o ano 2020 “unha achega específica para a realización de actividades de prevención e sensibilización”.

Tino Fernández constatou que tódalas asociacións comparten a súa preocupación pola ludotapía, “xa que hoxe en día, dende un teléfono móbil, unha persoa pode arruinar a súa vida”, ao tempo que anunciou o inicio de batallas semellantes contra outras problemáticas como a obesidade ou o tabaquismo. 

Segundo precisou o socialista, o encontro desta mañá foi tan frutífero que os participantes emprazáronse a manter outro a finais do vindeiro mes co obxectivo de “establecer un calendario de actuacións e reunións no que se implique a tódalas entidades”. Neste sentido, “dado o nivel de implicación que amosaron as asociacións”, Fernández aposta pola celebración de reunións periódicas “para ir programando e coordinando as accións en materia de saúde”, e non descarta “que se poida constituír un Consello Municipal” desta área.

Un evento feiral para sensibilizar

Outra das cuestións que se puxo sobre a mesa na reunión coas entidades socio sanitarias foi a posibilidade de darlle luz verde a un Salón da Saúde coa participación das asociacións, os colexios de Médicos e Psicólogos e os profesionais do ramo, coa finalidade de dar a coñecer e sensibilizar á sociedade sobre algunhas enfermidades. “Podería realizarse durante unha fin de semana -aclarou Tino Fernández- e sería algo de moito interese para o conxunto da cidadanía”.