O novo local social dos Campos será sede do Leader e disporá de espazos de uso veciñal

37
  • A rehabilitación da vella escola infantil completará o núcleo de centralidade parroquial dos Campos, xunto á nova vía dende Tafisa e o centro social.
  • Esta semana aprobarase o expediente para iniciar a licitación do proxecto. No vindeiro ano está previsto que todas as obras estean en execución.

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos coñeceu esta mañá o proxecto de acondicionamento do Local Social e sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo que se habilitará na antiga escola infantil dos Campos, na parroquia de Mourente. Este novo equipamento municipal completará o núcleo de centralidade parroquial dos Campos, no que se investirán arredor de 2 millóns de euros no vindeiro ano, ao incluír, tamén, a construción do novo Local social e a vía dende Tafisa, ambos en colaboración coa Deputación.

O proxecto da escola infantil, que na actualidade, ten funcións de almacén municipal, e está previsto que teña unha dobre funcionalidade: sede do GDR na parte superior no que se creará unha oficina da xerencia, 3 postos de traballo, unha sala de reunións, un arquivo e baños; e a planta baixa será un espazo de uso veciñal cunha sala de usos múltiples e sala de exposicións.

O acceso entre plantas farase por un módulo que se construirá ao carón do edificio, na parte posterior; e tamén está previsto facer un acceso ao edificio pola traseira.

O custe da licitación será de 452.000 euros dos cales o 40% será unha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e o 60% do Concello de Pontevedra.

Está previsto que esta mesma semana se celebre unha Xunta de Goberno para aprobar e expediente e iniciar o proceso de licitación.