Deportes investirá máis de 4.500 euros en dotar de protección ás columnas do Multiúsos da Xunqueira

68
  • O concelleiro Tino Fernández prevé que a empresa PuntoDeporte inicie esta mesma semana os traballos de instalación das 22 proteccións de caucho sintético recuberto de lona de pvc

A Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, investirá 4.527,82 euros en equipamento para dotar de protección ás columnas do recentemente inaugurado Pavillón Multiúsos da Xunqueira. O edil do PSOE prevé que a empresa subministradora, a firma PuntoDeporte, inicie os traballos de instalación dos 22 elementos protectores esta mesma semana.

O contrato inclúe a adquisición de 14 proteccións para columnas redondas de caucho sintético celular recuberto de lona de pvc, de cor negro, 1,675 metros de altura, 10 milímetros e un perímetro de 1350 milímetros e doutras 8 idénticas cun perímetro de 1600 milímetros. Tal e como sinala Tino Fernández, a súa instalación “suporá unha pequena mellora para unhas fantásticas instalacións deportivas en cuxa reforma foron investidos case dous millóns de euros (financiados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional FEDER concedidos á Estratexia DUSI) e que cada fin de semana empregan máis de 1.500 xogadoras e xogadores de balonmán, fútbol, baloncesto, voleibol e fútbol sala”.

O Multiúsos é unha infraestrutura deportiva totalmente accesible, dispón de dúas canchas de xogo, gradas móviles, novos vestiarios, unha cuberta con aillante térmico, un ximnasio perfectamente equipado e modernos servizos de electricidade, alumeado e auga.