Yoya Blanco promoverá visitas guiadas para formar ao persoal das recepcións dos hoteis de Pontevedra

22
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo unirá forzas cos representantes do sector hoteleiro para lograr que Pontevedra se convirta “na capital galega do turismo feiral e congresual”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, porá en marcha visitas guiadas especialmente orientadas á formación do persoal que traballa na recepción dos establecementos hoteleiros de Pontevedra. Segundo explica a socialista, trátase dunha proposta que os propios representantes do sector hoteleiro lle demandaron nunha reunión mantida esta mesma semana e que tería o obxectivo de que estes profesionais “dispoñan de formación, capacidades e coñecementos para informar aos visitantes acerca da extraordinaria e variada oferta turística da cidade e a súa contorna e poidan aconsellarlles interesantes itinerarios polas Rías Baixas”.

A edil do PSOE destaca a súa enorme “sintonía” coa visión que os voceiros do colectivo lle transmitiron neste primeiro contacto, no que se chegou ao acordo de “traballar dun xeito máis estreito e con estratexias conxuntas”. Así, Yoya Blanco pretende unir forzas co sector hoteleiro coa finalidade de lograr “que a nosa cidade se converta na capital galega do turismo feiral e congresual”. “En Pontevedra -asegura a concelleira de Promoción Económica e Turismo- contamos coas infraestruturas e a experiencia necesarias para que se faga realidade esta vella ambición”.

Neste mesmo sentido, a socialista comprometeuse a manter unha coordinación permanente para que os establecementos hoteleiros “estean informados en todo momento e coa suficiente antelación do calendario de eventos que acollerá a nosa cidade, en especial dos carácter deportivo, congresual e feiral”.

Asemade, Yoya Blanco lembrou que “a proximidade do Xacobeo supón unha enorme oportunidade para promocionar a capitalidade de Pontevedra no Camiño Portugués a Santiago”, un obxectivo para o que a súa Concellería xa está a traballar e que comezará a traducirse en diversas campañas e actividades ao longo de 2020. “Se conseguimos xerar sinerxías entre tódolos axentes implicados no sector turístico, o Xacobeo pode disparar a ocupación hoteleira durante todo o ano”, suliña Blanco.