A Concellería de Deportes dota á cabeceira norte da ponte do Burgo dunha baixada para os piragüistas

212
  • O proxecto definitivo contempla o pulido dos chanzos de formigón e a substitución das escaleiras de metal por unha plataforma cunha rampa de baixada

Despois das incomodidades causadas pola reforma da ponte do Burgo e a transformación das antigas escaleiras ubicadas na súa cabeceira norte, que dá cara a estación de servizo, os piragüistas que adestran en augas do río Lérez dispoñen dende hoxe dunha baixada en perfectas condicións. A Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, acometeu en tempo récord unha actuación que permitiu a creación dunhas escaleiras intermedias: unha parte en formigón e outra, a máis próxima á auga, en metal.

Segundo explica Tino Fernández, “trátase dunha solución provisional, que resolve temporalmente os problemas de acceso, xa que o proxecto definitivo contempla o pulido dos chanzos de formigón e a substitución das escaleiras de metal por unha plataforma de aluminio cunha rampa de baixada”. Deste xeito, os piragüistas poderán descender comodamente ao río, con independencia da altura que teña o caudal.

A Oficina Técnica de Arquitectura (OTA) xa solicitou orzamentos a diferentes empresas de cara a acometer esta última fase de acondicionamento das escaleiras.