O Concello licita o contrato para a sistematización do control sanitario das fontes ornamentais

6
  • Cun orzamento de 47.000 anuais e unha duración de catro anos, permitirá realizar os controis de forma conxunta para as 16 fontes

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, anunciou esta mañá que o Concello vai iniciar a licitación da sistematización do control sanitario das 16 fontes ornamentais da cidade. Este contrato implicará o control de todas estas fontes de xeito conxunto, e non individualizado como se fai agora, e os pregos técnicos contemplan un orzamento para estes traballos de 47.000 anuais e un contrato cunha duración inicial de catro anos, prorrogables por un máis.

Da Silva explicou que a sistematización do control sanitario ten por obxectivo continuar garantindo “a perfecta calidade sanitaria da auga” e que se realiza nas fontes ornamentais porque funcionan con sistemas de almacenamento de auga. Tamén lembrou que na auga de subministro os controis sanitarios xa os realiza a empresa concesionaria do servizo. 

Para realizar os pregos técnicos do contrato, os técnicos municipais elaboraron un protocolo que vén de obter o visto bo da Consellaría de Sanidade, e que establece como obxectivos principais o control analítico de patóxenos e un control específico de lexionela. Isto implica a medición sanitaria de cloro en auga, que terá carácter semanal, así como o control analítico de patóxenos con carácter semestral, e o control de lexionela que terá carácter semestral nas dúas fontes que funcionan con aspersores – a Fonte dos Nenos e a da praza de Galicia- e carácter anual para as demais. Inclúe, ademais, un protocolo de actuación específico para casos de lexionela, e un plan de mantemento periódico para todos os elementos da fonte.