A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pon en marcha a recuperación paisaxística da Alameda coa primeira plantación de carballos e tileiros

28
  • Técnicos municipais realizan un replantexo dos postos e das liñas eléctricas das festas da Peregrina mediante GPS para que a súa ubicación non interfira coas aliñacións de árbores previstas

A empresa Redenor (Repoboacións e Desbroces do Noroeste) acaba de poñer en marcha as primeiras plantacións de árbores contempladas no proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, para que a Alameda de Sesmero recupere o esplendor do século XIX. Trátase dunha reposición a base de carballos do país (quercus robur) e de tileiros (tilia cordata) que se acometerá na cabeceira norte do parque pontevedrés, a máis próxima á Praza de España, grazas a un investimento de case 18.000 euros.

En paralelo a estas plantacións, o Servizo de Parques e Xardíns estase a coordinar cun equipo de técnicos municipais para realizar un replantexo da ubicación dos postos e das liñas eléctricas das festas da Peregrina mediante o emprego de GPS. Segundo explica Iván Puentes, esta planificación permitirá que “o emprazamento de postos non interfira coas novas e futuras aliñacións de árbores que están previstas no proxecto de recuperación paisaxística”. “É algo que non se tivo en conta ata o dagora  -apunta o edil do PSOE- e que consideramos imprescindible para que haxa unha rehabilitación óptima da Alameda. En todo caso, hai espazo de sobra para plantar sen interferencias”.

O plan de reposición de arboredo contempla tanto o destoconado de exemplares en mal estado e a plantación dunha decena de carballos (6) e tileiros (5) como unha limpeza en profundidade e adecentamento do recinto do parque, en especial a base do palco da música e dos muros perimetrais que dan cara á Gran Vía de Montero Ríos. Esta intervención incluirá a eliminación de grafitis mediante o uso dunha máquina de vapor.

En paralelo a estes primeiros traballos de recuperación da Alameda do Arquitecto Sesmero, a Concellería de Desenvolvemento Sostible acometerá en breve as obras de bacheo dos sendeiros que comunican os Xardíns de Vincenti. O proxecto, que ven de contratarse á empresa Eicros Gestión cun investimento de 4.764,38 euros, traducirase nun aporte de xabre e un compactado mecánico.

Podas na Praza de Barcelos e San Benitiño de Lérez

O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes tamén acaba de dar luz verde á contratación do servizo para a poda de árbores na Praza de Barcelos, que acometerá a firma Viveiros Acroa cunha achega de 1.446 euros. Asemade, a empresa Xardinería Saborido levará a cabo traballos de poda en altura de nove plátanos (platanus hispánica) no mosteiro de San Benitiño de Lérez, cun investimento de 1.512,50 euros.