Paloma Castro pon en marcha a campaña de concienciación a prol da igualdade e contra a violencia de xénero ‘En Pontevedra sementamos igualdade’

31
  • No marco desta iniciativa, o Concello repartirá 5.000 manuais de bos usos que achegarán ás familias as ferramentas para educar en igualdade e facer fronte ás situacións de violencia machista
  • A guía, elaborada por Llerena Perozo, comezará a distribuírse a partires de mañá por centros de ensino, bibliotecas, centros de saúde, comercio local, asociacións veciñais e Anpa

No marco dos actos de conmemoración e reivindicación organizados con motivo do 8M, Día da Muller, a concelleira socialista Paloma Castro acaba de poñer en marcha a iniciativa ‘En Pontevedra sementamos igualdade’, un proxecto de concienciación cidadá sobre a igualdade e contra a violencia de xénero. Esta acción, que ten o obxectivo de achegar de xeito directo ás familias a información e as ferramentas necesarias para educar en igualdade e facer fronte ás situacións de violencia machista, traducirase na distribución de 5.000 exemplares dun manual de bos usos (homónimo da campaña) e de 150 carteis promocionais entre a cidadanía pontevedresa, os comercios, as asociacións veciñais, os centros de ensino e saúde, as bibliotecas e as Anpa do concello.

Segundo apuntou hoxe a concelleira de Igualdade durante a rolda de prensa de presentación da iniciativa, “o manual de boas prácticas ‘En Pontevedra sementamos igualdade’ é unha guía de referencia destinada a que os cidadáns dispoñan, na súa vida cotiá, de suficientes recursos para abordar situacións nas que se producen desigualdade e violencia de xénero”. “Contén información precisa e sinxela -suliñou Paloma Castro- para comezar a cambiar actitudes e comportamentos, así como as ferramentas necesarias para que poidamos recoñecer e distinguir o machismo, mudar a mentalidade e conformar unha sociedade máis igualitaria, positiva e construtiva”. 

A Concellería de Igualdade e Benestar iniciará mañá mesmo o reparto de exemplares da guía, así como dos carteis, comezando polos centros de ensino e de saúde, as bibliotecas, o comercio local, os colectivos veciñais e as asociacións de nais e pais. 

Un instrumento para recoñecer o machismo e actuar

A autora do manual ‘En Pontevedra sementamos igualdade’, Llerena Perozo Porteiro, que acompañou a Paloma Castro durante o acto de presentación da campaña, considérao “un instrumento práctico e útil para a elaboración de plans de igualdade e/ou a resolución de conflitos desta índole no tecido asociativo”. A publicación, composta por unhas 60 páxinas con ilustracións e imaxes a cor, pretende converterse nunha guía útil e didáctica, comprensible para tódalas idades, que axude a recoñecer o machismo e a saber como actuar ante el.

“Todas e todos queremos vivir nun mundo mellor, nunha sociedade habitada por xentes pacíficas, que se traten con respecto e colaboren nas tarefas comúns de convivencia. Mentres a metade da poboación non estea libre de sufrir violencia e discriminación polo feito de ser mulleres     -suliñou Llerena Perozo- non poderemos afirmar que vivimos nun sistema social xusto”. 

A autora deixou ben claro que “este non é un libro para as mulleres, senón para toda a cidadanía, xa que non podemos cambiar a situación actual se a metade da poboación non asume a súa responsabilidade”.

O manual pode ser consultado no seguinte enlace:

https://www.pontevedra.gal/publicacions/Sementamos-igualdade/