Máis de cincuenta operarios desinfectan a diario os espazos públicos críticos do concello

27
  • Centros sanitarios, supermercados, composteiros, colectores, paradas de bus, farmacias, Raíña da Paz… son obxecto, cada día, deste plan de desinfección.
  • A actuación é integral estean estes espazos críticos na zona urbana, periurbana ou rural.
  • Este dispositivo especial manterase, cando menos, até final de mes, e poderase ampliar en función de como evolucione a situación.

O Concello de Pontevedra ten activado dende o pasado 16 de marzo un dispositivo especial de desinfección e limpeza de todo o concello que se manterá, cando menos, até final de mes -independentemente de que se amplíe ou non o Estado de alarma-, e poderá prorrogarse en función da evolución da situación. Neste dispositivo, coordinado polo concelleiro Raimundo González, traballan a diario máis de cincuenta operarios en quendas de mañá, tarde e noite para manter en perfecto estado sanitario todos os espazos e lugares aos que se teñen que achegar os veciños e veciñas, do ámbito urbano, da zona periurbana e do rural. 

Limpeza de rúas, de colectores e illas de reciclaxe, composteiros comunitarios, ámbitos de centros sanitarios, farmacias, supermercados, estacións de tren e de autobús, paradas de autobús e até papeleiras e cabinas telefónicas son obxecto destas desinfeccións para que cando a cidadanía teña que empregar estes espazos públicos o poida facer con total confianza e para loitar contra a propagación do virus.

Para poñer en marcha este dispositivo, a Concellaría de xestión dos residuos urbanos, que dirixe Raimundo González, modificou as prioridades diarias de traballo para centrarse na limpeza sanitaria dos espazos públicos. Tal é así que todos os lugares críticos sexan do ámbito que sexan (urbano, barrios ou rural) límpanse cada día con produtos desinfectantes. A directriz da concellaría é limpar a diario en todos e cada un dos puntos sensibleis para que a veciñanza teña garantías sanitarias do uso dos espazos e do mobiliario público, como os colectores.

Seguindo estes criterios realizáronse limpezas en profundidade en todos os centros de ensino da cidade, medida que se volverá a repetir unha vez que se coñeza cando regresan os estudantes ás aulas. E tamén se están a tratar os centros deportivos municipais. 

Unha vez realizadas estas tarefas e dado que permanecerán pechados ao uso público, todo o persoal destinado a estes labores se puido redirixir ao traballo de rúa. Ademais, a Concellaría incrementou o cadro de persoal a este servizo con catro cuadrillas máis de traballadores e traballadoras para completar estes labores.

O plan activouse o pasado 16 de marzo. Foi desenvolvéndose inicialmente nos ámbitos denominados críticos e ampliándose día a día. E está en permanente revisión por si resultase necesario facer limpezas especiais ou desinfeccións de espazos contaminados.

A prioridade

Os puntos prioritarios da desinfección diaria son os maior concentración de persoas tanto nos ámbitos urbano, periurbano e rural. As limpezas son diarias en:

  • Contornas dos centros de saúde, hospitais, farmacias,…
  • Supermercados, centros e comercios de alimentación
  • Accesos e contornas das estacións de tren e autobuses
  • Paradas de bus, cabinas telefónicas, papeleiras
  • Contorna do comedor de San Francisco, escaleiras de Facenda e escaleiras cara Cobián Roffignac.
  • Contorna do Banco de Alimentos (Rúa Francisco Santalices)
  • Contorna do local do Club de Leones para entrega de comida 
  • Contorna da Policía Local, Protección Civil e Bombeiros
  • Outros puntos: ámbito do xeriátrico de Santa María, rúa Luxemburgo 14 (Monte Porreiro)

Neste operativo traballan en xornada de mañá e tarde dous equipos integrados por unha hidrolimpadora e un peón especialista provistos de produtos desinfectantes.

O ámbito urbano e periurbano

Realízase de forma diaria (de luns a domingo) a desinfección e limpeza de rúas con varredoras mecánicas, lava-beirarrúas e cisternas para baldeo por toda a cidade. 

O servizo de limpeza ten dividido o centro urbano en 8 sectores, os de referencia da poboación: Campolongo, Michelena, Teucro, Ferrería, Benito Corbal, A Estrada, San Roque e Alameda. Ademais, actúan con material específico en lugares de difícil acceso do centro histórico como nos Soportais, nas escaleiras de Santa María, as do Teucro ou os xardíns de Vincenti, entre outros.

Nos barrios da cidade, onde a presión peonil non é tan intensa, tamén se realizan a diario baldeos mediante cisternas cun equipo de dous operarios en xornada de mañá e de noite.

En todas estas zonas a limpeza é integral dende os acceso aos locais comerciais, papeleiras, contornas de colectores…

Ámbito rural

O despregue deste dispositivo de limpeza e desinfección no ámbito rural mantén os mesmos criterios que no ámbito urbano. Actúa nos lugares especialmente críticos todos os días da semana cun equipo composto por un camión cisterna e un peón que empregan produtos desinfectantes. Están considerados sensíbeis:

  • A contorna dos centros de saúde de Lérez, o consultorio médico de Ponte Sampaio, farmacias…
  • Supermercados, centros e comercios de alimentación
  • Paradas de autobús
  • Colectores de lixo e illas de reciclaxe

Ademais das actuacións nos puntos críticos do rural, unha singuralidade da limpeza no rural é a necesidade de realizar tarefas previas que aseguren a correcta execución e efectividade dos tratamentos de desinfección como pode ser a limpeza, roza e mantemento de contornas de colectores, paradas de bus, farmacias, centros de saúde e de alimentación, e demais declarados como servizos esenciais, que precisan de traballos de retirada de maleza, escombros, baldeos, etc.

Neste dispositivo traballa a diario un equipo composto dunha cisterna, dous peóns e maquinaria auxiliar, ademais de produtos desinfectantes.

Colectores e illas de reciclaxe, e composteiros

Outro dos puntos de desinfección urbana, periurbana e rural son os colectores, as illas de reciclaxe e os dos centros de compostaxe comunitaria, de uso obrigado polos veciños e veciñas, por iso é un dos ámbitos de especial atención por parte do servizo de limpeza municipal.

Todos os composteiros comunitarios do concello límpanse todas as tardes, ao igual que os colectores de lixo e as illas de reciclaxe que se atopen ao seu carón.

Tamén se desinfectan todos os días os colectores e as illas de reciclaxe que se atopen ao carón dos ámbitos considerados críticos.

O resto de colectores están sendo limpados en xornadas de noite cunha hidrolimpadora, un peón especialista e produtos desinfectantes. 

Estes espazos están especialmente tratados polo que os veciños poden ter absoluta confianza na utilización dos colectores públicos sempre que sigan as recomendacións da autoridade sanitaria.

Actuacións singulares: o lixo dos doentes

Ademais da limpeza e desinfección dos espazos públicos, o servizo de limpeza municipal tamén acomete traballos singulares derivados da crise sanitaria. 

O máis importante é o servizo de recollida de lixo porta a porta dos doentes por coronavirus. O propósito deste servizo é atender a estas persoas que se atopan recluídas -por prescrición médica- nos seus domicilios para evitar a propagación do virus.

Para activar o servizo, os doentes se poñen en contacto coa Policía Local que avisa ao departamento de limpeza. Os operarios equipados cos EPI´s correspondentes recollen os residuos do doente na súa propia porta e o transportan nun vehículo específico para estes labores.

A petición dos propios usuarios deste singular servizo, a recollida faise cada dous días; aínda que se pode recoller a petición do propio doente.

Outro dos servizos singulares é a limpeza integral e diaria (de luns a domingo) do recinto Raíña da Paz onde se deu acubillo ás persoas sen teito.

De luns a venres, límpanse todas as dependencias municipais con presencia de traballadores. Existe un protocolo especial de desinfección no caso de que se producira un positivo entre o persoal municipal dos servizos esenciais que está indo a traballar.

Raimundo González Carballo.