O Concello pecha 2019 cun orzamento de case 105 millóns de euros

20
  • Raimundo González considera “imprescindible” derogar a Lei Montoro de control de gasto, para que o Concello poida investir máis de 15 millóns de euros en reactivar a economía Local.
  • A norma tributaria obriga, a día de hoxe, a destinar os 4,8 millóns do superávit ao pago dos bancos; só unha pequena parte iría destinada a investimento social.
  • As contas municipais de 2019 revelan un endebedamento de 7,9 millóns, un superávit de 4,8, unha execución do orzamento do 90% e un remanente de tesourería próximo aos 20 millóns de euros.

O Concello de Pontevedra pechou o ano 2019 cun orzamento de 104.843.457,84 euros segundo recolle a liquidación municipal do pasado exercicio. O Concello tiña en 2019 un orzamento inicial de 76.630.000 euros que se foi incrementando coa incorporación de modificacións de crédito, remanentes etc. É dicir, o orzamento aumentou en 28 millóns de euros, o que supón 4 millóns máis que en 2018.

Con carácter xeral, as cifras demostran que Pontevedra pechou 2019 cun fondo líquido de tesourería de 28 millóns, unha débeda de 7,9 millóns, un superávit de case 4,9 millóns, unha execución do orzamento do 90% e un remanente de tesourería próximo aos 20 millóns de euros.

Os datos de 2019 demostran, polo tanto, que a situación económica do Concello é moi boa froito dunha excelente xestión no pasado ano. Pero o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, asegura que “lonxe de sacar peito, é o momento de utilizar todas as ferramentas que temos nas nosas mans para que esta boa situación económica chegue aos veciños e veciñas de Pontevedra e sirva para paliar a desastrosa crise económica que temos na porta”. Considera “imprescindible” a derrogación da Lei Montoro e defende o uso íntegro do superávit e do remanente de tesourería  “para reactivar a economía local”.

As contas municipais a 31 de decembro de 2019 eran:

  • Os fondos líquidos de Tesourería acabadan a cifra de 28.308.000 euros. É dicir, o Concello ten liquidez -cash- suficiente para afrontar todos os seus pagos.
  • A débeda municipal estaba reducida a “mínimos históricos”: 7.969.000 euros, é dicir, o 10,72% dos recursos ordinarios. Trátase dunha contía similar a mediados da década dos anos oitenta.
  • O superávit municipal -a diferencia entre ingresos e gastos a final de exercicio-, foi de 4.884.000 euros.
  • O recoñecemento de obrigas -pagos- foi de 76,2 millóns de euros o que reflicte que “tivemos un grao de execución moi elevado”, explicou Raimundo González.
  • A execución do orzamento foi do 90%. Tramitáronse 93 millóns de euros, unha contía 6 millóns superior a 2018. O que implicou o incremento do teito de gasto en 2,6 millóns de euros, froito da boa xestión municipal.
  • O remanente de tesourería foi de 19.694.000 euros, superior a 2018.

Derrogación da Lei Montoro

Raimundo González aclarou que “neste momento, o destino do superávit (4,8 millóns) vén determinado pola Lei Montoro, que obriga a destinalo á amortización de débeda, é dicir, a pagar aos bancos; e unha contía moi pequena para gasto social, aprobada recentemente”. Explicou que o groso do remanente de tesourería “non se pode investir noutra cousa, a lo menos, de momento”.

O concelleiro de Economía destacou que se fai “imprescindible” a modificación da citada normativa tributaria -a Lei Montoro- porque “impide aos concellos facer uso do diñeiro do que dispoñen -sen ter que acudir a préstemo- para atender ás necesidades dos veciños e veciñas”.

Resaltou que “nestas circunstancias faise máis necesario ca nunca a derrogación da lei porque así poderemos destinar este remanente a políticas de reactivación económica”. Lembrou que “unha vez que pasen estas circunstancias aterradoras, é necesario implementar cantidades inxentes de diñeiro para recuperar a actividade económica e para poder facer políticas destinadas ás persoas e non aos bancos”.

Aínda que a rumoroloxía é variada sobre que o Goberno “quere confiscar” o superávit dos concellos, Raimundo González entende que “sería algo inusual e unha tropelía”. Polo contrario, insistiu en que “se atenda ao clamor dos concellos para derogar a Lei Montoro de estabilidade orzamentaria, e se poidan empregar os recursos municipais suprimindo o teito de gasto e empregando o superávit, para que a economía da cidade pase esta situación tan grave”.

O concelleiro confirmou que “tal e como se desprende dos datos da Liquidación de 2019 podemos afirmar que o Concello de Pontevedra estaría en disposición de dotar de máis de 15 millóns de euros a un plan de reactivación económica que tan necesario vai a ser a curto prazo”.

Raimundo González Carballo, concelleiro de Economía e Facenda.
Raimundo González Carballo, concelleiro de Economía e Facenda.