Parques e Xardíns restaura os bancos e o valado perimetral no contorno do regato de Mollabao

19
  • O concelleiro Iván Puentes explica que os traballos, financiados con 34.000 euros, enmárcanse dentro da segunda fase do proxecto para a recuperación integral do leito do regato da Fontesanta

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa adiante coa segunda fase do proxecto de limpeza en profundidade e recuperación integral do leito do regato de Mollabao, no treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a estrada Rosalía de Castro. A actuación executada polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns, que supón un investimento duns 34.000 euros, inclúe o acondicionamento da marxe dereita (do lado da pista de skate), na que xa se levantara un muro de pedra de 50 metros lineais, e a restauración de 15 bancos, a varanda que protexe o perímetro do afluente e os xogos e o valado do parque infantil.

A intervención consistiu no lixado e lasurado das diferentes pezas de madeira, que agora se procederán a pintar, así como na reposición daquelas que se atopaban en mal estado ou foran arrincadas. O axardinamento do talude, mediante a cobertura con plantas vivaces e tapizantes como hedras e mióporos e a instalación dunha malla antiherbas (semellante ao que se fixera na marxe esquerda) e a aplicación dunha limpeza desinfectante no pavimento da zona de xogos son outras actuacións contempladas no proxecto.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, ten previsto ordenar ademais unha nova limpeza en profundidade e desbroce de malas herbas e silveiras, tanto no leito do regato como no perímetro do parque de educación vial e o contorno da Casa do Mar (ao outro lado da rúa Rosalía de Castro).

O edil socialista lembra que a recuperación da ‘améndoa’ do barrio de Mollabao entrará no seu punto culminante coa creación dun novo parque urbano entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar (trala parada de autobuses), un proxecto ao que se destinou unha achega económica de 47.572,65 euros. Dado que a futura área de lecer se atopa debaixo da ponte da autoestrada AP-9, o seu departamento xa está a facer as xestións oportunas para obter o visto bo de Audasa e a pertinente autorización de Carreteras del Estado, que é a administración que terá a última palabra neste eido.

A xeración deste novo parque urbano suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade desta zona de encontro veciñal, contemplando a creación dun espazo de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan.